O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, visitaron a Confraría de Pescadores e a lonxa de Ferrol, onde mantiveron un encontro co patrón maior, Gustavo Chacartegui. Durante a visita, coñeceron de primeira man a problemática e as necesidades do sector pesqueiro e marisqueiro no pósito ferrolán e na comarca.
O presidente destacou a importancia social e económica do sector pesqueiro na provincia da Coruña, onde mantén miles de empregos, e reafirmou o compromiso da Deputación co sector. Ademais, sinalou a importancia de seguir escoitando e colaborando coas confrarías para garantir a modernización e o bo funcionamento dos pósitos da provincia.
A Deputación mantén este ano o incremento orzamentario da partida destinada ás subvencións a confararías de pescadores e agrupacións marisqueiras da provincia, que pasaron de 500.000 a 650.000 euros anuais, co obxectivo de apoiar non só as actividades, funcionamento e contratación de servizos dos pósitos (ás que se destina medio millón de euros), senón tamén as festas de exaltación de produtos do mar de proximidade, para as que se destinan 150.000 euros, atendendo así unha das demandas do sector.
En 2025, as axudas que recibirá cada confraría oscilan entre os 7.500 e os 37.500 euros, que poderán destinar á contratación de persoal, adquisición de sementes de moluscos, aluguer de maquinaria ou equipamentos necesarios para o desenvolvemento das actividades de confrarías, lonxas ou fábricas de xeo ou contratación de servizos externos, como a vixiancia; mentres que as axudas para festas de exaltación de produtos locais do mar oscilarán entre os 1.200 € e os 15.000 euros.