A concelleira de Igualdade de Narón, María Lorenzo, anunciou que o luns, día 31, terá lugar unha xuntanza formativa sobre os puntos violeta no centro cívico social do Alto do Castiñeiro.
A edil naronesa explicou que se trata dunha convocatoria dirixida á comisión de festas do Alto –un barrio que nunhas semanas celebrará unhas concurridas festas patronais, as de San Xosé Obreiro-, co fin de preparar este dispositivo, pero avanzou que está tamén aberta a outros colectivos, como policía, protección civil, persoal de prevención de riscos, persoal de hostalería, representantes das orquestras, etc.
A xornada dará comezo ás 19:00 horas e impartiráa persoal especializado nesta área. O Punto Violeta de Narón permanece operativo en varias ocasións ao longo do ano na cidade, principalmente en eventos que soen congregar a numeroso público de todas as idades. A través do mesmo ofrécese asesoramento e a primeira atención ás persoas que manifesten padecer, ou coñecer a quen padeza, calquera tipo de violencia machista (sexual, física, económica, psicolóxica, dixital, vicaria).
“Dende o Concello animamos a asistir a todas as persoas que queiran implicarse na loita contra a violencia, nas súas diferentes manifestacións, e recibir unha serie de información sobre os recursos a disposición das vítimas”, recalcou María Lorenzo. A concelleira recordou que se trata dunha iniciativa, a do Punto violeta, impulsada a través do Ministerio de Igualdade. As persoas interesadas en recibir máis información sobre esta xuntanza poden chamar ao número de teléfono 604 033 515 ou escribir un correo electrónico á dirección: anoiteenigualdade@gmail.com.