Cuarta edición das “21 Leguas. Os 101 quilómetros de Narón”

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e o presidente do club deportivo Narón 101, Óscar Somorrostro, anunciaron a apertura o vindeiro 1 de maio do prazo de inscrición nas 21 Leguas, os 101 quilómetros de Narón. O evento deportivo, que alcanza este ano a súa cuarta edición e que reúne a un milleiro de deportistas procedentes de diversas comunidades en cada convocatoria, celebrarase o vindeiro 27 de setembro.

Os marchadores disporán dun prazo de 24 horas para percorrer un tramo de 101 quilómetros que discurrirá polos concellos de Narón, Ferrol e Valdoviño, se ben os ciclistas terán un tempo máximo de 12 horas para completar ese percorrido, con saída e meta no paseo marítimo de Xuvia. Os marchadores poderán inscribirse na modalidade de marcha individual ou por equipos; os ciclistas nas de individual, parellas ou equipos e tamén haberá a opción de e-bike, na modalidade de individual.

As inscricións poderán tramitarse a través da web: www.21leguas.es ou emesports.es/eventos.. Os catro primeiros días do 1 ao 4 de maio incluído, o prezo das inscricións será de 55 euros, se ben a tarifa incrementarase ata os 70 dende o 5 de maio ata o 30 de xuño e ata os 80 euros do 1 de xullo ao 31 de agosto.

Dende o Concello recalcouse que a organización, a cargo do Consistorio e do club deportivo Narón 101, está tramitando os permisos necesarios para poder desenvolver esta gran proba de ultrafondo do noroeste. Unha proba de superación persoal que ofrece aos participantes a posibilidade de coñecer tamén o patrimonio histórico, cultural e natural desta comarca. O presidente do club deportivo Narón 101 amosou a súa confianza en “repetir o éxito de anteriores edicións desta proba”, animando ás persoas interesadas a inscribirse na mesma.

Dende o Concello, a alcaldesa valorou novamente “o gran traballo que se realiza dende este club local para organizar un evento destas dimensións e tamén á hora de coordinar a todas as persoas que se implican no correcto desenvolvemento do mesmo, como voluntariado, persoal sanitario, de seguridade, etc.”.

archivo-Competición de una 21 Leguas | Cedida

Marián Ferreiro asegurou que “é unha gran satisfacción ver a excelente acollida das 21 Leguas de Narón, con todo o que representa para a nosa cidade e diferentes sectores que durante unha fin de semana se despracen a Narón centos de persoas chegadas de diferentes comunidades e incluso doutros países para participar ou animar aos participantes”.

Lea también

El capitán de navío, ferrolano, Luis Rodríguez Garat tomará el mando de la Comandancia de Gijón

El capitán de navío, ferrolano, Luis Rodríguez Garat tomará el relevo del actual máximo dirigente …