A Deputación da Coruña impulsa en institutos de Ferrolterra un proxecto para o uso seguro das redes sociais en adolescentes

A iniciativa comeza este luns e contará con seis sesións para estudantes e familias en institutos de Ortigueira, Fene, Pontedeume e As Pontes.

O IES de Ortigueira, primeiro centro en participar neste programa

A Deputación da Coruña lanza ‘Problemas digitales, soluciones reales’, un innovador programa educativo que busca formar adolescentes, familias e docentes no uso seguro e responsable das redes sociais. A iniciativa ofrecerá talleres nos que se abordarán temas clave como a protección da privacidade, a prevención do ciberacoso e a xestión saudable do tempo en liña.

Esta formación pretende axudar ás persoas nativas dixitais, nacidas máis aló do 1997 (e coñecidas como a ‘Xeración Alfa’), a detectar cales son os bos e malos usos dentro das redes sociais. Ademais, ofreceranse ferramentas clave para as familias e o persoal formador para que poidan non só comprender, senón traballar cos adolescentes neste ámbito.

Deste xeito, a Deputación da Coruña pon en marcha un programa que desenvolve contidos actualmente non contemplados no sistema educativo de Galicia e que poden axudar a paliar problemas derivados do uso desmedido das redes sociais como trastornos de saúde mental (ansiedade, depresión, baixa autoestima…), illamento social, sedentarismo ou o acoso nas redes (ciberbullying).

O proxecto comezará a cristalizar cun taller formativo de 90 minutos para estudantes destinado a promover a conciencia sobre o ciberbullying impartido por Diego Arroba “El Cejas”, actor e creador de contidos dixitais con máis de 1,2 millóns de seguidores nas súas redes e experiencia persoal nos temas a tratar.

Tamén participará Sara Antúnez, presidenta da asociación contra o ciberacoso StopHaters, quen achegará estratexias de protección e actuación ante situacións de acoso en liña.

Durante a formación trataranse prácticas seguras para acadar a privacidade e a intimidade nas redes, xeitos de entender situacións de ciberbullying, protocolos de actuación e denuncia, implicacións legais para as persoas acosadoras e casos prácticos.

Os primeiros centros en participar serán o IES de Ortigueira, o IES de Fene, o CPR Plurinlingüe San José e o IES Breamo, de Pontedeume, e ao IES Plurilingüe Castro da Uz e IES Moncho Valcarce, de As Pontes, entre o luns 24 de marzo e o mércores 26.

Lea también

La Cofradía de Pescadores de Barallobre participará por primera vez en la Feria Auténtica Sevilla 2025

La Cofradía de Pescadores de Barallobre anuncia su participación, por primera vez, en la Feria …