Trinta e tres queixerías galegas e doutras partes do Estado español confirmaron a súa participación na séptima edición da Feira do Queixo de Moeche, que terá lugar o vindeiro día 30 de marzo, desde as 10.00 horas. Ás produtoras queixeiras súmanse os postos de alimentación, moitos deles dentro do selo galego de Artesanía Alimentaria.
Esta nova cita da feira manterá no seu programa o Tren do Queixo, para facilitar os desprazamentos na liña de ferrocarril de vía estreita desde Ferrol, e ofrecerá un variado programa que inclúe catas comentadas, obradoiros infantis, música, visitas ao castelo, maxia e sorteos, entre outras actividades, para ofrecer unha xornada de lecer para todas as idades.
A presentación oficial da feira terá lugar o vindeiro 27 de marzo, coincidindo co Día Mundial do Queixo, e trasladarase nesta ocasión ao Castelo de Moeche. Ao acto de presentación aos medios de comunicación estarán convidados produtores, entidades asociativas e establecementos de hostalería do municipio e do resto da comarca.
Esta nova edición reforza a consolidación desta feira no calendario de eventos gastronómicos galegos, como referente da produción artesá de queixo e da artesanía agroalimentaria.