O colexio Ayala gaña en Narón as I Olimpíadas Galegas Escolares de Seguridade Viaria

O Pazo da Cultura de Narón acolleu este mércores 19 a primeira edición das Olimpíadas Galegas Escolares de Seguridade Viaria organizadas polo Concello. O alumnado de quinto curso de Primaria do colexio naronés Ayala repetiu trunfo e alzouse co primeiro premio, se ben o segundo e o terceiro obtivérono os escolares do CPR Plurilingüe Sagrado Corazón-Mercedarias, de Ferrol, e o FEC Plurilingüe San José, de Lugo, respectivamente.

CPR Ayala

O concelleiro de Seguridade Cidadá, José Oreona, deu a benvida aos asistentes á convocatoria, á que ademais da alcaldesa, Marián Ferreiro, e outros integrantes da corporación local, entre eles a edil de Ensino, Olga Ameneiro, participaron a xefa provincial de Tráfico da Coruña, María Victoria Gómez; o tenente xefe do destacamento de Tráfico da Garda Civil, Francisco Javier López, e o axente da policía local de Pamplona Pablo Berastegui.

As olimpíadas reuniron no Pazo a escolares de oito centros de ensino, entre eles representando á cidade os do colexio Ayala de Narón, que onte obtiveron o primeiro premio nas VI Olimpíadas escolares de seguridade viaria celebradas tamén nas citadas instalacións municipais. Os estudantes naroneses competiron cos do CEIP Wenceslao Fernández Flórez, da Coruña; do CPR Plurilingüe Sagrado Corazón-Mercedarias, de Ferrol; do FEC Plurilingüe San José, de Lugo; do CPR Plurilingüe María Auxiliadora Salesianos, de Ourense; do SEK International School Atlántico, de Pontevedra; da Escola Rosalía de Castro, de Vigo e da Casa do Neno, de Santiago de Compostela.

Algúns dos participantes foron entrevistados ao longo do día por estudantes do CEIP Ponte de Xuvia, que realizaron un programa para Radio Ponte, a emisora do centro. O edil de Seguridade Cidadá abriu a convocatoria, presentada pola naronesa Icía Izquierdo, estudante do IES As Telleiras, e destacou o traballo realizado para poder desenvolver na cidade estas olimpíadas, nas que desexou sorte a todas e todos os participantes. A continuación, comezou a proba do Kahoot, con 35 preguntas tipo test que contestaron os representantes de cada centro.

Tras un breve descanso para repoñer forzas, comezou a segunda proba, a audiovisual, na que realizaron unha campaña sobre “Mobilidade escolar e educación viaria” que se presentou publicamente. A presentación dunha maqueta sobre “Como mellorarías o teu entorno escolar en relación coa mobilidade e a educación viaria?” foi outra das probas realizadas. O xurado, integrado por José Antonio Carballido, oficial da policía local de Narón; Victoria Gómez, xefa provincial de Tráfico da Coruña; Francisco Javier Dopico, xefe do destacamento de Tráfico; Marta Román, experta na infancia en espazo urbano; Patricia Rodríguez, representante das Anpas e Laura Fernández, do equipo Laura, valorou os traballos presentados.

CPR Sagrado Corazón-Mercedarias

Os escolares tamén participaron na proba “Descubre a palabra oculta”, na que a través dunhas pistas -catro- tiñan que adiviñar unha palabra relacionada coas materias abordadas, tarefa para a que contaron cunha tablet para buscar en internet.

Os encargados de amenizar a convocatoria foron Lúa Díaz e Zaida Rodríguez, do Club Baile Deportivo Narón, que subiron ao escenario para deleitar ao público cos seus bailes.

FEC Plurilingüe San José

Finalmente, a alcaldesa, Marián Ferreiro, entregou os premios -mochila, diplomas e medallas, máis unha placa conmemorativa aos gañadores- xunto con outros representantes do goberno local e os integrantes do xurado. A alcaldesa da cidade foi a encargada de pechar o acto, felicitando aos participantes, en especial aos gañadores, e tamén ao resto de persoas que fixeron posible a celebración destas olimpíadas. “Máis de dúas décadas de traballo, preto de 70.000 escolares de infantil, primaria, secundaria e bacharelato, dez centros de ensino, persoal directivo e docente, Anpas, familias… isto é un resumo do que foi e o que é a educación viaria na nosa cidade”, destacou.

A rexedora local destacou tamén o papel da DXT, Mapfre, autoescolas, SPEIS, Policía Local, Protección Civil…”todos deron coa fórmula que nos permitiu en boa medida chegar ata aquí co equipo de educación viaria”. A rexedora local destacou a aposta do Concello por esta área e reafirmou o compromiso de continuar traballando nesta liña en colaboración con todas as persoas e entidades implicadas.

Lea también

Aparece en un río de Narón el cadáver de un hombre de ochenta años de edad

Los Bomberos de Narón han rescatado en el río Santa Cecilia,-Freixeiro, en la parroquia de …