O equipo de alumnos de quinto curso de educación primaria do colexio CPR Ayala, os “Ayala Teams”, alzáronse este mediodía co primeiro premio das VI Olimpíadas Escolares de Seguridade Viaria celebradas no Pazo da Cultura de Narón.

Entradas de cine, un diploma que acredita o galardón e o feito de representar mañá tamén no Pazo á cidade na primeira edición das Olimpíadas Galegas Escolares de Seguridade Viaria foron os premios obtidos polos escolares.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, foi a encargada de entregar o premio aos gañadores, e tamén entregou, xunto cos edís de Seguridade Cidadá, José Oreona, e Ensino, Olga Ameneiro, o premio aos segundos e teceiros clasificados, os equipos “Os santiaguiños”, do CPR Santiago Apóstol, e “O Feal ó rescate”, do CPI O Feal, respectivamente.


A convocatoria, presentada por Icía Izquierdo, alumna do IES As Telleiras, e na que participaron ademais os colexios Ponte de Xuvia, Jorge Juan, Piñeiros, Virxe do Mar e A Solaina deu comezo ás 10:00 horas e prolongouse ata as 13:30 horas. A rexedora local inaugurou esta nova edición das olimpíadas organizadas polo Concello dando a benvida a todos os asistentes, unhas 200 persoas entre escolares, persoal docente, integrantes do xurado, convidados e algúns familiares dos menores.
Ferreiro animou aos nenos a realizar as probas con tranquilidade e asegurou que “todas e todos sodes excelentes candidatos para representar á cidade nas olimpíadas galegas que se celebrarán mañá neste Pazo, ou sexa que desfrutádeas ao máximo”. Unha proba teórica a través da plataforma Kahoot marcou o inicio da convocatoria a través da realización de 35 preguntas, para a continuación iniciar un descanso de media hora. Á volta, a presentadora deu paso á segunda fase, a proba proxecto de campaña, sobre a temática “Mobilidade escolar e educación viaria”, na que se emitiu un vídeo de cada centro participante con diferentes mensaxes, cancións, bailes… sobre esa temática.
A terceira proba consistiu na explicación das maquetas elaboradas nas aulas polos escolares sobre “Como mellorarías o teu entorno escolar en relación coa mobilidade e educación viaria?”. A proxección de vídeos de cada centro e os puntos obtidos na xincana de bicicletas que levaron a cabo no mes de febreiro nas aulas, foron tamén tidos en conta polo xurado, integrado por José Antonio Carballido, oficial da policía local de Narón; Sara Fernández, policía local de Narón; Marta Filgueira, docente e directora da academia Rexenera; Federico Ceniza, coordinador de educación viaria da Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña; Pablo Pérez, presidente da asociación de Autoescuelas da Coruña; Simón Cabarcos, oficial de prevención do SPEIS de Narón e Diego Arrojo, sarxento da agrupación de Tráfico da Garda Civil de Ferrol.
A convocatoria acolleu tamén a entrega dos Premios de Educación Viaria, un deles a Marita del Río (que non puido asistir a recollelo), mestra xubilada do colexio da Solaina e un referente no inicio do traballo desenvolvido no ámbito educativo cos escolares en materia de educación viaria. A alcaldesa anunciou a concesión desta distinción en recoñecemento á súa traxectoria, recordando como comezaron a ensinar aos menores marcando cunhas cintas adhesivas o chan do colexio para simular estradas, rotondas…
Así mesmo, entregouse tamén este premio a Marcelino Álvarez e Antón López, docente e director do colexio da Solaina, tamén parte moi activa nesta área no centro, e a Pedro Caneiro e Simón Cabarcos, integrantes do primeiro equipo de educación viaria do Concello de Narón. A continuación procedeuse á entrega dos premios aos tres primeiros clasificados e tamén dos diplomas de participación ao resto dos integrantes dos equipos participantes.
Finalmente, Ferreiro felicitou aos gañadores desta edición e a todos os participantes e persoal docente polo traballo realizado nas aulas. Así mesmo, desexou moita sorte ao equipo do colexio Ayala, que representará mañá a Narón nas olimpíadas galegas e comprometeu o apoio do Concello de Narón na área de educación e seguridade viaria. “Nese camiño queremos seguiremos avanzando e queremos que nos continuedes acompañado porque sen todas e todos vós, nada disto tería sentido”, recalcou.