San Sadurniño participa na xuntanza da Rede de Municipios pola Agroecoloxía

O Concello de San Sadurniño aprobou en setembro a súa integración na Rede de Municipios pola Agroecoloxía,  que agrupa concellos e entidades comprometidas coa busca -dentro do seu ámbito competencial- de alternativas produtivas respectuosas co ambiente e sostibles desde o punto de vista económico e social.

Concelleira Raquel Piñeiro e o técnico Roberto Lindín/ foto: Oriana López Castiñeira

A rede tamén pretende avanzar na soberanía alimentaria e na construción de circuítos de proximidade capaces de abastecer as comunidades locais con produtos saudables, sostibles e variados. San Sadurniño participou esta semana no seu primeiro encontro de traballo dentro da RMA, no que se presentaron os novos membros e se trataron temas relacionados coa coordinación técnica da rede.

A sesión desenvolveuse durante boa parte da mesma por videoconferencia, coa asistencia por parte de San Sadurniño da concelleira de Axenda 2030, Raquel Piñeiro López, e do técnico de Desenvolvemento local, Roberto Lindín Novo. Canda eles tamén participaron no encontro en liña representantes de Bilbao, Alfarb, Eslida, Vegadeo, Ataun, Vall D’en Bas e Medina Sidonia, as outras sete vilas e cidades que acaban de incorporarse á rede.

Nesta primeira xuntanza, San Sadurniño presentou as liñas de traballo que vén desenvolvendo desde hai anos no ámbito da agroecoloxía, nomeadamente as relacionadas coa formación e capacitación técnica, coa recuperación de variedades de froita autóctona e coa participación municipal no centro de transformación A Fusquenlla, do que San Sadurniño foi un dos principais promotores.

Durante a súa intervención, o Concello tamén explicou outras iniciativas vinculadas coa sostenibilidade e a promoción dos produtos de calidade elaborados na zona e distribuídos en mercados próximos, como son as dúas grandes feiras anuais ou as xornadas divulgativas organizadas coa colaboración de entidades do sector primario.

Na segunda parte da mañá, unha vez feitas as presentacións, o encontro da Rede de Municipios pola Agroecoloxía avanzou o contido da reunión técnica que se celebrará a finais da primavera -a data e lugar están pendentes de confirmar-, co obxectivo de implementar un novo método de traballo «que facilite a participación, o diálogo, o apoio mútuo, as sinerxias e o servizo aos concellos membros», explica Raquel Piñeiro López.

A RMA, da que forman parte neste momento 45 vilas e cidades de todo o Estado, busca mellorar a comunicación con e entre os concellos membros, ademais de artellar un sistema que facilite a transferencia de coñecemento e experiencias máis aló das xuntanzas programadas ao longo do ano.

Ademais tamén se pretende fortalecer a secretaría técnica «para que sexa unha ferramenta de asesoramento máis eficaz para os membros da rede en temas como a definición ou maduración de proxectos, os aspectos legais ou as posibles vías de financiamento», comenta a concelleira de Axenda 2030.

A reunión de traballo da Rede de Municipios pola Agroecoloxía encádrase no II Webinario Europeo, no que participan colectivos doutros países cos que a RMA comparte obxectivos. O evento está organizado en colaboración co Proxecto LiveSeeding e céntrase nesta segunda edición nas estratexias de venda e promoción de sementes ecolóxicas, «como parte fundamental dun sistema local e sostible de produción alimentaria».

Lea también

Actividades educativas, contacontos, a andaina pola igualdade e a Xuntanza de mulleres, pezas centrais da programación de Neda polo 8M

O Concello de Neda deseña todo un mes de actividades para conmemorar o 8M, subliñando …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *