O Concello de Narón ofrece á cidadanía o Campamento Dixital, unha iniciativa impulsada pola Fundación Cibervoluntarios, dentro do Programa de Competencias Dixitais para a Infancia, CODI, posto en marcha polo Ministerio de Juventud e Infancia, financiado pola Unión Europea-Next Generation.
A concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, indicou que se trata dunha proposta de balde dirixida a menores de 9 a 13 anos, que poden inscribirse ata o 21 de marzo –ás 13:30 horas- na Sede Electrónica do Concello de Narón, no Rexistro municipal ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das administracións públicas. Os participantes deben ser nenas e nenos empadroados no Concello de Narón ou escolarizados en centros de ensino da cidade.
O campamento impartirase na Casa da Mocidade, na Gándara, e contará con dúas quendas, con quince prazas cada unha. Unha será para menores de 9 a 11 anos –do 22 de abril ao 12 de xuño os martes e xoves de 17:00 a 19:00 horas- e outra para os de 12 e 13 –do 23 de abril ao 11 de xuño os luns e mércores de 17:00 a 19:00 horas-, con contidos adaptados ás mesmas. A temática son as competencias dixitais e constará de formadores especializados.
Os participantes aprenderán a buscar información valiosa en Internet, hábitos saudables, pensamento crítico para identificar novas falsas, profesións emerxentes, así como competencias dixitais para a búsqueda de emprego, entre outros. No Campamento Dixital deberán ir completando etapas e misións para acadar logros. Deste xeito, en cada aventura os menores irán adquirindo novas competencias dixitais para utilizar internet e as ferramentas dixitais de forma útil, creativa, segura e responsable.
Ao remate, os participantes recibirán un certificado DigComp que acreditará os coñecementos e competencias adquiridos na utilización das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións dentro do marco europeo. Para recibir máis información pódese contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal de Narón, a Través do teléfono 981 337 700 (extensións 1108, 1109 e 1111).