Narón ofrece a través de Google maps a consulta de ubicación

O rueiro de Narón ao completo, tanto da zona urbana como rural, poderá consultarse ao completo a través de Google maps. A concelleira de Estatística, Mar Gómez, explicou que os traballos están xa moi avanzados e que na actualidade esas rúas e vías xa se poden consultar a través do citado rueiro dixital. “Continuamos traballando ata completar a información ao cen por cento, para que deste xeito se solventen os problemas que nos trasladaban para a entrega de mensaxería e correspondencia nalgunhas zonas, por exemplo”, apuntou a edil.

Co fin de acometer este traballo o Concello adxudicou un contrato por importe de 18.137 euros para que en tres meses se avanzase neste ámbito. Unha vez que dende o concello se facilitou a ubicación xeorreferenciada dos inmobles e dos eixes viarios, a adxudicataria entregou ao Consistorio os arquivos precisos e no formato especificado para poder realizar o volcado nos servizos de mapas de Google.

En total, realizouse un volcado de 4.470 inmobles e de 1.632 eixes de vía, tanto das parroquias rurais como do núcleo urbano, atendendo especialmente aos casos nos que se modificou o enderezo debido aos traballos de campo e de cartografía que se levaron a cabo dende a administración local, tal e como recordou Gómez. A concelleira agradeceu en todo o proceso “o labor do persoal de Estatística e doutros departamentos municipais que colaboraron nestes traballos”.

Gómez recordou que no ano 2014 dende o Concello iniciouse un labor de denominación de vías das entidades colectivas rurais do termo municipal, asignando unha nova numeración que evitase tamén problemas detectados de duplicidade de números ou inexactitude de ubicacións, entre outros. “Co traballo realizado atendemos unha necesidade que nos trasladaron algúns cidadáns e facilitamos o labor das empresas e outras administracións á hora de localizar cada una das vivendas da cidade”, recalcou a concelleira.

Así mesmo, avanzou que de cara a este ano se continuará traballando nesta liña “ata que completemos a localización por Google maps de cada un dos inmobles, sendo este o obxectivo final do traballo”.

Lea también

Narón introduce un tramo silencioso na Cabalgata de Reis en Piñeiros

A Cabalgata de Reis  de Narón incorpora o vindeiro domingo un tramo sen ruido no …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *