A Coruña acolle a 1ª semifinal do certame ‘Cociñeiro/a e Camareiro/a do Ano’ 2026

A Coruña será en abril de 2025 a sede da primeira semifinal do Concurso Cociñeiro e Camareiro do Ano 2026, un certame gastronómico que en 2024 celebrou os seus vinte anos de historia. Así quedou reflectido no acordo que asinaron esta semana o vicepresidente, Xosé Regueira, e o director xeral de Grupo Caterdata, Alfons Pastor, empresa organizadora dun dos eventos gastronómicos máis importantes do panorama estatal. Esta acción enmárcase, así mesmo, dentro da campaña turística e gastronómica «A provincia que sabe» promovida pola área de turismo da Deputación.

Fuente Diputación de A Coruña

Para Xosé Regueira, acoller este evento “é unha oportunidade única porque a gastronomía converteuse no primeiro produto turístico da Deputación e, desde hai dous anos, estamos a traballar nesta liña e con moi bo retorno para o sector”.

Pola súa banda, o director xeral do Grupo Caterdata, Alfons Pastor, afirma que lle fai “especial ilusión volver a Galicia para celebrar unha semifinal do certame ‘Cociñeiro e Camareiro do Ano’ xa que é un territorio cun produto excelente e con grandes chefs como, por exemplo, Beatriz Sotelo, gañadora da II edición do certame. “Cabe lembrar que dous anos despois, en 2010, o restaurante que ela lideraba obtivo unha estrela Michelin, converténdose entón na chef española máis nova en conseguir esa prestixiosa distinción culinaria”, lembra Pastor.

X edición do Concurso Cociñeiro do Ano

O Cociñeiro e Camareiro do Ano é un evento culinario bienal que consta de dúas semifinais e unha final que se celebrará en marzo de 2026 no marco de Alimentaria & Hostelco, unha feira que ten lugar en Barcelona cada dous anos. Esta será a X edición do Concurso Cociñeiro do Ano, un certame que descubriu a máis de 70 estrelas Michelin en España, Austria, Alemaña ou Suíza. O primeiro gañador deste certame, celebrado o ano 2006, foi o coñecido chef Jordi Cruz.

Ademais de Beatriz Sotelo, outros chefs da provincia da Coruña como Luis Veira, Ivan Dominguez ou Lucía Freitas participaron neste certame que pon a proba as aptitudes de todos os aspirantes, que deben cociñar en directo. E é que, en cada semifinal onde participan seis equipos, teñen cinco horas para elaborar un menú completo, composto por entrante, prato principal e sobremesa.

Un xurado de gran prestixio valorará os pratos e elixirá os candidatos que pasarán á Gran Final que se celebrará na feira Alimentaria & Hostelco en 2026.

VI edición do Concurso Camareiro do ano

Pola súa banda, esta será a VI edición do Concurso Camareiro do ano, un evento que empezou a súa andaina no ano 2012 para poñer en valor o traballo dos profesionais de sala. En cada semifinal, seis participantes realizarán un circuíto de probas de sala para demostrar as súas aptitudes e poñer de manifesto a súa profesionalidade.

Xurado do ‘Cociñeiro e Camareiro’ do Ano 2026

O concurso Cociñeiro e Camareiro do Ano 2026 conta cun xurado de excepción, liderado polo cociñeiro Martín Berasategui como presidente de honra e formado por outros profesionais da gastronomía da talla de José Carlos Capel, que garantirán a excelencia desta décima edición que contará contará coa Coruña como un dos seus escenarios principais.

 

Lea también

La mugardesa Reganosa opera ya en 30 países y los ingresos de la actividad fuera de España superan un tercio de los totales

Su división Reganosa Servicios ganó contratos en el exterior por 186,3 millones y colaboró con …