O programa municipal «A saúde mental importa» inicia esta semana un novo ciclo de conferencias en Narón

A concelleira de Benestar Social do Concello de Narón, María Lorenzo, anunciou que este sábado, día 14, retomaranse as conferencias do programa municipal A saúde mental importa. O Café Teatro do Pazo da Cultura acollerá a primeira programada para este mes de decembro, na que se falará sobre os “Efectos da soidade non desexada na saúde das persoas e abordaxes dende a comunidade”.

A convocatoria dará comezo ás 11:00 horas e na mesma intervirán Matilde Fernández, presidenta do Observatorio Estatal de Soidade non Deseñada e exministra de Asuntos Sociais; Bruno Casal, docente da Universidade da Coruña; Trinidade Lorenzo, integrante de Cruz Vermella, e Gonzalo Berzosa, psicólogo e pedagogo.

A seguinte convocatoria fixada será a vindeira semana, o día 18, neste caso dirixida a alumnado de terceiro curso da ESO do IES As Telleiras. Xunto a eles realizarase un obradoiro de saúde mental para adolescentes, coa traballadora social especializada en xénero e saúde mental Paula Paz e a psicóloga Iria Malde. Na xornada do xoves 19 a Biblioteca municipal acollerá ás 19:00 horas unha conferencia de Paula Paz sobre “Autoaxuda e positivismo
tóxico”.

A última das propostas para este mes de decembro é un obradoiro práctico a cargo do licenciado en INEF Jorge Cabana e da traballadora social Paula Paz sobre “Actividade física e saúde mental”. Terá lugar no local social
do Alto do Castiñeiro a partir das 19:00 horas, tal e como avanzou a concelleira María Lorenzo.

A entrada ás conferencias que se desenvolverán tanto no Pazo como na Biblioteca e no local social do Alto é libre ata completar a capacidade das salas nas que se impartirán.

Lea también

O X Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular comeza o venres 7 en Narón

A décima edición do Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular dará comezo este venres 7 …