A modificación do PXOM en Pontedeume permite ampliación da fábrica de leche Celta

“Rematamos unha fase de traballo intensa pero moi importante que garantiza tanto a continuidade de Leche Celta en Pontedeume, como a xeración de emprego e riqueza” explica o alcalde, Bernardo Fernández

O Concello de Pontedeume aprobou coa unanimidade de toda a corporación municipal a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para desenvolver o Plan Especial de Leche Celta.

“Despois de sete anos de traballo intenso e moitas xestións, remata unha fase moi importante para Pontedeume, unha etapa na que houbo que tramitarnumerosos informes sectoriais e definir os ámbitos do Plan Especial”, explica o alcalde Bernardo Fernández, que xunto ao resto da corporación municipal visitou a fábrica de Leche Celta.

“Esta modificación permitirá a ampliación da fábrica e garantiza a continuidade en Pontedeume de Leche Celta, creando máis emprego e xerando riqueza” engade Fernández.

Agora comeza o período para a aprobación definitiva da modificación puntual do PXOM, cos informes sectoriais finais e o correspondente prazo de alegacións.

O proxecto de ampliación da fábrica de Leche Celta en Pontedeume, no que a empresa xa traballa, é un espaldarazo moi importante para a vila, “e xunto coa ampliación do polígono de Vidrieiro, atraerá sen dúbida novos investimentos industriais para o concello”.

A de Pontedeume é a principal fábrica de Leche Celta en España, está entre as 50 empresas que máis factura de Galicia e da emprego de forma directa a 240 traballadores e recibe a diario 600.000 litros de leite

“Pontedeume é a nosa casa desde hai 35 anos e queremos medrar máis desde aquí nos próximos 20 anos”, aseguraron durante a visita Javier Bretón: director xeral do grupo Leche Celta, e Álvaro Calderón, director de Operacións do grupo Leche Celta en Pontedeume. “O futuro é esperanzador con esta modificación do PXOM”, engaden.

A fábrica eumesa recibe a diario das 250 granxas coas que traballa uns 600.000 litros de leite, que transforma en máis de 20 productos diferentes que comercializa de forma directa a través de Leche Celta ou vende a outros clientes.

Lea también

La Xunta destaca en Mañón la contribución del programa Leader para crear empleo en zonas rurales

La conselleira de Medio Rural, María José Gómez, ha destacado la contribución del programa Leader …