Valdoviño acolle a proxección dunha selección das mellores curtas galegas do Ciclo Mestre Mateo

As proxeccións do Ciclo Mestre Mateo continúan en Valdoviño durante o mes de decembro, e este xoves 5  véspera de festivo, o auditorio da casa da cultura acolle o pase dunha selección das mellores curtametraxes realizadas en Galicia durante o pasado ano. Será a partir das 20:30 horas, con entrada de balde ata completar aforo, e os títulos son «Antes de que se poña o sol», «O coidado», «To bird or not to bird», «O neno sardiña» e «Ulises»

BREVE SIPNOSE DOS TRABALLOS

«Antes de que se poña o sol» proponnos participar como espectadores dunha reunión familiar na que catro irmáns teñen que tomar unha decisión e non todos están de acordo.

«O coidado» cóntanos a historia de Eduardo, un home que comeza a ter problemas para coidar de si mesmo. Na súa casa, a que noutro tempo foi a casa familiar, vive só cun androide cuxa única función é mellorar a súa calidade de vida. A través do trato co robot, Eduardo atopa a relación de intimidade que non é quen de afianzar co seu fillo Anxo.

«To bird or not to bird» formula unha mirada crítica e caleidoscópica do mundo actual contada a través das traxicómicas e esperpénticas vivencias duns paxaros.

«O neno sardiña» lévanos a un punto sen determinar do río Miño, ao parecer ao norte de Galicia, no que un neno-sardiña cruza a corrente deixando atrás a aqueles que celebran o seu enterro co fin do entroido. Descoñécese que provoca a súa transformación, pero din que os ollos máis atentos poden captar de preto a humidade da súa pel. A súa existencia está confirmada polos máis escépticos da zona. Ninguén no lugar ten dúbidas.

«Ulises» fala dun home que sofre un acusado trastorno psicomotor e está ao coidado do seu irmán. Un día abandona a casa familiar e decide enterrarse vivo. O seu irmán, desesperado, atópao e convénceo para volver, pero xa non sabe que facer para protexelo.

Lea también

Unos 200 estudiantes de secundaria participan este viernes en la IV Olimpíada Robótica en Ferrol

 Cerca de 200 estudiantes de ESO de distintos puntos de las provincias de A Coruña …