Este sábado pasado, Ares acolleu a inauguración oficial do Belén da Sociedade Cultural O Tilo, un dos máis coñecidos a nivel comarcal pola súa fonda tradición, tamaño e agarimo na súa posta en marcha. A presidenta da asociación, María del Mar Bujones, participou no acto inaugural xunto con outros membros de O Tilo, amais do alcalde do municipio, Julio Ignacio Iglesias, e a concelleira de Cultura, Alma Barrón.
Foi precisamente o rexidor aresán quen fixo fincapé no Belén da asociación como “un dos máis coñecidos en toda Ferrolterra, dende logo un Nacemento de referencia cun gran traballo detrás; o municipio recibe moitas visitas grazas a este esforzo voluntario constante, ano tras ano, que se debe recoñecer e agradecer”.
Tamén a concelleira de Cultura, Alma Barrón, salientou a involucración da S.C. O Tilo nas celebracións de Ares, “e nós, dende o Concello, apoiámolos en todo o que poidamos; son unha das partes imprescindibles da área de Cultura, sempre colaborando na nosa programación, neste Nadal, nas carrozas de Reis, no Samaín, no Ares Indiano…”
En 2022, o Belén de O Tilo incluíuse na guía de Beléns de Interese Turístico de Galicia, o que acredita o seu valor e o seu recoñemento en todo o territorio galego, sendo un dos máis grandes da Comunidade Autónoma.
Máis de 50 metros cadrados configuran o Nacemento, unha superficie na que se espallan preto de 300 figuras de barro lienzado que anualmente se actualizan ou amplían, representando distintas escenas propias do Belén co
emprego de materiais naturais. Algunhas das figuras superan os 20 centímetros e arredor de 40 son móbiles.
HORARIOS DE VISITA
Dende o 1 de decembro e até o 4 de xaneiro, o Belén de O Tilo pódese visitar na Rúa María, número 182, na esquina coa Avenida Federico García Expósito. Estará aberto de luns a domingo, de 16:30 a 20:00 horas, pechando exclusivamente nas xornadas do 24, 25, 31 de decembro e 1 de xaneiro.
Tamén existe a opción de visitas concertadas para grupos, centros de maiores ou colexios, contactando previamente no teléfono 669 404 425 ou no correo electrónico sceltilo@gmail.com. Unha participación, a dos Centros de Maiores e colexios de toda a comarca, “sempre excepcional”, en palabras da presidenta de O Tilo María del Mar Bujones.
A entrada é gratuíta, aínda que é posible deixar unha doazón para a S.C. O Tilo, e accesible a xente en cadeira de rodas.