O Concello de Narón abre o vindeiro luns, 2 de decembro -e ata o día 13 do mesmo mes- o prazo de inscrición no programa municipal INDI (Informática Divertida). O edil de Novas Tecnoloxías, Román Romero, recordou que se trata dunha proposta dirixida a menores empadroados en Narón e con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos.
O programa impartirase na Aula Cemit de Xuvia e tamén nos locais sociais da zona rural nos que se formen grupos entre o 23 de decembro e o 3 de xaneiro do vindeiro ano.
Programación de videoxogos, deseño de personaxes, intelixencia artificial e retos tecnolóxicos forman parte dos contidos que se abordarán nas sesións a impartir na Aula Cemit, con 12 prazas en quenda de mañá e outras tantas na da tarde.
As sesións impartiranse de 10:30 a 13:30 na quenda de mañá e de 16:00 a 19:00 horas na da tarde. As inscricións tramitaranse no Rexistro Xeral do Concello, de 8:30 a 13:30 horas, na Sede Electrónica ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario disponible na Sede Electrónica do Concello de Narón e indicando obrigatoriamente a prioridade de horario na propia instancia(quenda de mañá ou de tarde).
No caso da zona rural, ofreceuse o programa ás entidades veciñais do Val, Castro, Pedroso, San Mateo, Doso, SanXiao e Sedes, con dez prazas en cada parroquia. As sesións realizaranse en quenda de mañá, de 10:30 a 13:30 horas. Neste caso será obrigatorio inscribirse nos centros cívicos sociais de cada parroquia.
As prazas concederanse por rigorosa orde de inscrición e a participación na actividade comunicarase entre o 16 e o 18 de decembro telefonicamente áspersoas admitidas.
Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensión 1502 e 1123).