Ares celebra a Festa de Santa Catalina cun toque literario

Ledicia Costas (Vigo, 1979) chegará este vindeiro sábado, 23 de novembro, a Ares para presentar a súa última novela, Pel de Cordeiro, publicada en Xerais este mesmo 2024, nunha cita que se desenvolverá integramente no Mosteiro de Santa Catalina a partir das 18:00 horas.

A autora viguesa afondará así na súa historia de ambientación gótica nunha data que non é casual: o municipio celebra a tradicional Festa de Catalina, e xunto á programación lúdico-festiva a concellaría de Cultura tamén programa este acto literario que toma como base a relevancia simbólica de Catarina na novela de Ledicia Costas.

De feito, Pel de Cordeiro afonda no percorrido vital de dúas mulleres galegas distanciadas polo tempo: unha delas, Catarina, procede dunha estirpe de bruxas que sofre a persecución da Santa Inquisición nos seus últimos anos de existencia, e a segunda figura feminina, Lola, desenvólvese no propio século XXI, atravesando unha ruptura e crise existencial.

Entre elas construírase unha ponte temporal, amais de trazar un cúmulo de paralelismos arredor da violencia e persecución das mulleres, o espertar sexual e a evolución do misticismo e a maxia ao longo do tempo.

O propio cenobio aresán tamén se adecúa á atmosfera da novela de Ledicia Costas, con enorme presenza da escuridade e dun tono tenebroso, tecido con sombras e conxuros, que bebe dun proceso de documentación moi particular.

Estará acompañada por Rogelio Pérez Varela, da Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa Catalina, e polo escritor e xornalista Pablo J. Rañales.

Sobre a autora

Ledicia Costas é unha das escritoras máis traducidas e recoñecidas da literatura galega, cunha narrativa que atrapa tanto ao público infanto-xuvenil como adulto. Gañou o Premio Merlín e o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por ‘Escarlatina, a cociñeira defunta’, recibiu en tres ocasións o Premio Lazarilllo de creación literaria e tamén foi recoñecida, en 2021, co Premio da Cultura Galega.

Xunto á súa obra infantil, fundamental na súa configuración como autora, e o seu desenvolvemento poético con poemarios como ‘Ultraluz’ (2023), publicou as novelas ‘Infamia’ (2019), ‘Golpes de Luz’ (2021) e Pel de Cordeiro’ (2024).

Lea también

El Concello de Ferrol aprueba las bases de fomento de la cultura de 2025

Este lunes la junta de gobierno local ha dado el visto bueno a la aprobación …