A Deputación impulsa a transformación dixital nos pequenos concellos da provincia

A Deputación da Coruña continúa a súa aposta por impulsar a transformación dixital nos municipios da provincia. O presidente, Valentín González Formoso, asinou no Pazo de Mariñán un convenio de colaboración con 66 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia co fin de potenciar a implantación da administración electrónica nas institucións municipais.

O convenio, que ten unha vixencia de catro anos e catro máis prorrogables, ten como obxectivo mellorar os principios de eficacia e eficiencia nas entidades locais, ao aforrar custos a cidadáns e empresas. Ademais, facilita aos municipios o cumprimento das obrigacións de transparencia e mellora a seguridade.

Neste senso, a implantación desta proposta garantirá o acceso aos servizos públicos en cada concello mediante sedes electrónicas propias, que estarán interconectadas coa plataforma integral de servizos da Deputación da Coruña. Ademais, ofrecerase un amplo catálogo de solucións de administración electrónica, como plataformas e solucións tecnolóxicas ou actividades de apoio e soporte para persoal municipal e cidadanía.

Proxecto Concello Dixital

O presidente Valentín González Formoso destacou que “nos últimos cinco anos, a Deputación investiu máis de 16 millóns de euros en diferentes estratexias, plans e medidas no ámbito da transformación dixital dos concellos”. Entre elas, destaca o Proxecto Concello Dixital, unha plataforma de administración dixital centrada na modernización dos concellos e a súa interoperatividade cos servizos dixitais da Deputación.

“O proxecto Concello Dixital beneficiou xa a preto de 500.000 persoas, que viron reducidos os tempos de primeira resposta administrativa nun 25%, e nun 40% na resolución de expedientes, no que supón unha auténtica revolución burocrática que nos permitiu ampliar o catálogo de servizos de dixitalización e mellorar a interoperabilidade entre concellos e Deputación”, afirmou o presidente.

En xeral, segundo as estimacións da Deputación, a adopción da administración electrónica nas entidades locais da provincia supuxo no que vai de 2024 un aforro ás arcas públicas de preto de 20 millóns de euros

Ademais, a institución provincial ten en marcha outras medidas como un Plan de Ciberseguridade para os sistemas da Deputación e das administracións locais, e as Oficina do Dato, de Accesibilidade e Servizos Dixitais, e o proxecto Acelera Pyme, destinado a superar a fenda dixital e a dar un impulso tecnolóxico no rural.

Os concellos que asinaron o convenio son: Abegondo, Aranga, Arzúa, A Baña, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Boqueixón, Brión, Cabana, Camariñas, Cariño, Carnota, Carral, Cedeira, Cee, Cerceda, Coirós, Corcubión, Curtis, Dodro, Dumbría, Fene, Fisterra, Frades, Irixoa, A Laracha, Laxe, Malpica, Mañón, Melide, Mesía, Miño, Monfero, Muros, Muxía, Neda, Negreira, Ordes, Oroso, Paderne, Padrón, Ponteceso, Pontedeume, As Pontes, Rianxo, Sada, Santa Comba, Sobrado, Toques, Tordoia, Touro, Val do Dubra, Valdoviño, Vedra, Vilarmaior, Vilasantar, Vimianzo e Zas

Lea también

Miles de escolares en Ferrol son «rondados» nos seus centros escolares

Dentro das I Xornadas Escolares de “As Pepitas”, financiadas pola Axencia de Turismo de Galicia …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *