O Orzamento 2025 da Deputación supera os 240M€ e contempla un investimento record

O 44% do orzamento inicial, máis de 105 millóns, irán directos aos concellos a través do Plan Único, que sobe en 2025 un 72% ata os 86 millóns de euros, e o anticipo das liñas de subvencións, que suman 19,4 millóns.

Formoso presentou na Comisión de Economía do Parlamento as liñas principais do orzamentos da Deputación e incidiu no grave problema que supón para concellos e deputacións “ter que seguir asumindo competencias de titularidade autonómica sen que a Xunta de Galicia as dote do financiamento axeitado”.

Benestar social, creación de emprego e dinamización do rural seguirán sendo eixos estratéxicos da acción do goberno provincial.

Fuente Diputación de A Coruña

O orzamento da Deputación da Coruña para 2025 ascenderá a 240.500.200 € e será o maior o da historia da institución provincial, cun incremento do 8,26% con respecto ao presente exercicio.

O orzamento suporá tamén un investimento récord nos municipios da provincia, xa que un total de 105.399.793 euros (o 44% do total) serán transferencias directas aos concellos a través do Plan Único, o maior plan de cooperación municipal das deputacións galegas, que o vindeiro ano incrementa o seu orzamento nun 72%, pasando de 50 a 86 millóns de euros de dotación inicial, e o anticipo das convocatorias de subvencións dirixidas aos concellos coruñeses, que suman 19,4 millóns de euros e suporán a creación de 1.600 empregos para mellorar os servizos que prestan os municipios.

Así o adiantou esta mañá o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, na súa comparecencia ante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia, na que presentou as principais liñas dos orzamentos da institución provincial coruñesa 2025.

Fuente Diputación de A Coruña

“Uns orzamentos que destinaremos prioritariamente aos obxectivos que nos marcamos como estratéxicos para este mandato: a asistencia os concellos da provincia, o benestar social, a cohesión territorial e loita contra o despoboamento no rural, a xeración de emprego e fomento da actividade económica e dos sectores produtivos, a innovación e a transición ecolóxica”, apuntou.

Neste sentido, o Plan Único (POS+2025) será o principal protagonista do orzamento, con 86 millóns de euros de orzamento inicial destinados integramente aos concellos, un 72% máis que en 2024. “Os concellos coruñeses reciben hoxe entre 4 e 5 veces máis fondos que nos mandatos anteriores. Co Plan Único levamos máis de 576 millóns investidos e 4.113 obras aprobadas nos 93 municipios coruñeses. Isto converte á Deputación da Coruña no principal axente inversor no rural da provincia da Coruña”, destacou o presidente da Deputación.

Falta de financiamento local da Xunta de Galicia

Formoso contextualizou este importante reforzo na cooperación económica cos concellos, a administración máis cercana á cidadanía, nun momento en que os servizos públicos municipais veñen experimentando incrementos de custos moi relevantes. “O suministro de enerxía, a depuración de aguas, a recollida de lixo, ou o servizo de axuda no fogar están a afogar as economías municipais”, afirmou o presidente da Deputación da Coruña, que incidiu no grave problema que supón para concellos e deputacións “ter que seguir asumindo competencias de titularidade autonómica sen que a Xunta de Galicia as dote do financiamento axeitado.”

Neste sentido, criticou que “un ano máis, a Deputación da Coruña non recibirá nin un só euro do Fondo Galego de Cooperación local”, o mecanismo de participación das entidades locais nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia. Formoso lembrou que o fondo base “mantense conxelado desde hai 11 anos en 112 millóns para todos os concellos de Galicia” mentres que o adicional incorpora 5,4 millóns extra só para concellos de menos de 15.000 habitantes “o que deixa fóra ao 60% dos galegos”.

Vou dar unha cifra que é para facer pensar se a Xunta se está financiado adecuadamente aos concellos: o vindeiro ano, o Fondo Galego de Cooperación Local terá para os 313 concellos de Galicia o mesmo orzamento que destina a Deputación só para os 93 concellos da provincia da Coruña”, afirmou.

Fuente Diputación de A Coruña

A Deputación reforza a súa aposta social en 2025

A aposta social será outra das áreas prioritarias da Deputación da Coruña en 2025. Por este motivo, no Orzamento de 2025 o gasto social alcanzará os 32.860.688 euros, preto do 14% total. No seu conxunto, os programas sociais da Deputación experimentan o vindeiro ano un crecemento do 6,72%.

Unha parte importante deste incremento orzamentario irá destinado á suba da achega para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que a Deputación elevou de 12 a 14 euros a hora, atendendo así unha das demandas das traballadoras do servizo e dos concellos, que teñen que asumir boa parte dos custes deste servizo con fondos propios, o que lles supón unha importante carga económica, xa que o custe actual está entre os 22 e os 24 euros/hora.

O programa de servizos sociais da Deputación para os municipios, dotado con 9,1 millóns de euros, permitirá o financiamento de preto de 400.000 horas de servizo de axuda no fogar e a contratación de 178 profesionais especialistas do eido social nos concellos coruñeses.

Como novidades para este ano na área social destacan o inicio do proxecto para a implantación dun novo modelo de residencias públicas para maiores no rural, baseadas na cercanía, a atención persoalizada, a innovación e a convivencia interxeneracional, que contará con centros piloto nas Pontes, Ordes e Rianxo e un novo programa de envellecemento e loita contra a soidade non desexada dos maiores destinada a concellos de menos de 5.000 habitantes.

PEL, o maior plan de emprego dunha administración local en Galicia

No eido do emprego, o Plan de Emprego Local (PEL) incrementa de novo a súa partida nun 1,78%, pasando dos 15.9 a 16,2 millóns de euros de orzamento en 2025.

Formoso lembrou que, entre 2016 e 2024, a Deputación da Coruña destinou máis de 140 millóns de euros á creación de empresas e fomento do emprego, apoiado a 2.980 empresas e 4.159 autónomos e creando 7.196 empregos no sector público e privado a través das principais liñas do PEL.

O PEL non só impulsa a creación de emprego, senón que ademais aposta firmemente polo emprendemento, a innovación e o apoio ás pequenas e medianas empresas”, afirmou Formoso, que lembrou que a Deputación da Coruña destina preto de 5 millóns de euros en dúas liñas de apoio a autónomos, que este ano rexistraron máis de 6.000 solicitudes.

CEI, unha aposta estratéxica polo sector audiovisual

Valentín González Formoso anunciou tamén que o vindeiro 2025 comezará a funcionar Coruña Estudio Inmersivo (CEI)o maior estudo audiovisual virtual de España, dotado cunha tecnoloxía pioneira a nivel mundial.

Unha infraestrutura que a Deputación da Coruña está construíndo actualmente na cidade das TIC da Coruña cun investimento de 9,5 millóns de euros cofinanciado con fondos Next Generation EU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España e co que “pretendemos posicionar á provincia da Coruña como Hub Audiovisual de referencia Europa”, apuntou Formoso, que incidiu na puxanza do sector audiovisual galego, que xera 4.500 empregos e supón xa o 28% da industria cultural da nosa comunidade, ademáis de supor unha importante proxección exterior de Galicia

Ademáis dos programas de apoio aos concelloso fomento dos sectores produtivos e o emprego suman 30.245.500€ no Orzamento 2025, as infraestruturas viarias, 24.532.955€, educación e o deporte 20.927.290€, cultura e lingua 13.042.900€, e medio ambiente e emerxencias o 7.877.062,78€.

Lea también

Renfe pondrá en circulación a partir del 15 de diciembre dos servicios de Avlo en la conexión A Coruña-Madrid

La conexión Ferrol-Madrid aumentará las opciones de viaje enlazando el nuevo Avlo A Coruña-Madrid y …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *