Tega denuncia o bloqueo da oposición á proposta do goberno local de modificación da ordenanza de subvencións

Os tres grupos da oposición na corporación local naronesa, PP, BNG e PSOE, votaron na sesión plenaria desta mañá en contra da proposta do goberno local de aprobar inicialmente a modificación da ordenanza xeral de
subvencións do Concello de Narón. A súa postura implica na práctica, entre outros asuntos, que non poidan beneficiarse das mesmas persoas, a maiores de entidades, ás que fai referencia o artigo 11 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións. “Os deportistas de alto rendemento empadroados en Narón cos que
poderiamos colaborar economicamente dende o Concello, para apoialos nas súas respectivas carreiras deportivas, non poderán optar a estas axudas debido ao impedimento que PP, BNG e PSOE puxeron no pleno aos cambios que propoñiamos dende Terra Galega para que isto fose unha realidade”, asegurou o voceiro da formación, Román Romero.

Así mesmo, lamentou que os tres grupos se opuxesen coa súa postura a outras múltiples vantaxes que se pretendían incorporar nesta ordenanza, como a axilización da tramitación das axudas ou a xustificación das mesmas. A documentación requerida podería presentarse a través da Sede Electrónica, en lugar de presencialmente no Rexistro, e no apartado das xustificacións o Concello comprobaría os xustificantes de gasto do 20% dos expedientes das beneficiarias de subvencións.

Dende o goberno local, durante a sesión plenaria, no que respecta ao pago anticipado das subvencións ao que se aludía dende a oposición, recordouse que se rexe por unha normativa que implica que as entidades poñan a unha persoa que avale as contías. “Entedemos perfectamente que se opoñan a avalar co seu propio patrimonio e así nolo manifestaron varias entidades consultadas ao respecto, pero no caso de que estivesen dispostos a facelo non teriamos problema porque o recolle a normativa”, indicaron dende TEGA.

Lea también

Se aproba en Narón o regulamento do servizo de madrugadores en infantil e primaria

A corporación local aprobou na sesión plenaria por unanimidade a proposta sobre o regulamento do …