A Deputación creará un novo acceso directo a As Pontes desde a autovía AG-64

A Deputación da Coruña ampliará e mellorará o trazado da estrada provincial DP 7703 de Medoñas a Ponte Souto en Aparral para convertala “nun novo acceso directo ao núcleo de As Pontes desde a autovía AG-64 Ferrol-Vilalba, evitando así que o tráfico teña que atravesar o polígono industrial de Airios”. Así o anunciou o presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, durante unha visita á zona na que estivo acompañado polo concelleiro responsable de Obras, Infraestruturas, Medio Ambiente e Medio Rural, Roberto Rivera, e por técnicos do departamento de Vías e Obras da institución provincial.

Formoso visitou a zona cos técnicos de Vías e Obras da Deputación e anunciou a redacción do proxecto, que dá resposta a unha antiga demanda das entidades veciñais de Chamoselo e Aparral e dos empresarios de Airios

Formoso encargou aos técnicos de Vías e Obras da Deputación a redacción dun proxecto co obxecto de mellorar o trazado da estrada DP 7703, eliminando as curvas pronunciadas existentes nos primeiros quilómetros do vial e ampliando a súa plataforma ao longo de toda a estrada, o que permitirá que o tráfico procedente da autovía poda circular en condicións de seguridade, evitando o paso pola estrada que atravesa o polígono industrial de Airios.

O acceso actual causa problemas de seguridade vial nun polígono que ten unha elevada ocupación, con máis de 35 empresas instaladas e uns 400 traballadores que usan esta estrada a diario para os seus desprazamentos, ademais do tráfico pesado que soporta pola súa condición industrial”, explicou Fomoso, que considerou que “con
este novo acceso este a As Pontes melloraremos a seguridade e fluidez do tráfico, evitaremos molestias aos empresarios que están alí instalados e melloraremos tamén a imaxe no acceso ao centro de As Pontes desde a autovía, xa que non terá que facerse a través dun polígono industrial”.

Formoso incidiu en que estas obras darán resposta a unha antiga demanda das asociacións veciñais de Chamoselo e Aparral, así como dos empresarios instalados no polígono de Airios, “creando un acceso amplo, seguro, cómodo e rápido entre a autovía e o centro da vila”.

O departamento de Vías e Obras da Deputación da Coruña comezará agora o proceso de redacción do proxecto técnico, que se prevé que poda estar completado no primeiro trimestre de 2025, coa intención de dotar orzamento e executar as obras ao longo do ano 2026. Os técnicos da administración provincial estiman que será necesario un investimento de arredor de 2 millóns de euros para completar unha obra que permitirá crear este novo acceso a As Pontes desde a autovía Ferrol-Vilalba.

Lea también

La Xunta destaca en Mañón la contribución del programa Leader para crear empleo en zonas rurales

La conselleira de Medio Rural, María José Gómez, ha destacado la contribución del programa Leader …