XXXX Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil de Narón

Preto de 1.500 escolares de Narón e comarca desprazáronse esta semana ao Pazo para asistir á XXXX Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil de Narón.

A Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil (MOTIX) de Narón, que alcanza este ano a súa cuadraxésima edición, comezou na mañá deste mércores 30 no Pazo da Cultura.

A representación da obra “Desexo”, da compañía Talía Teatro, marcou o inicio da programación que se desenvolverá entre este mes e decembro na cidade e que presenciará alumnado de Infantil, Primaria, ESO, Ciclos e Bacharelato de Narón e tamén doutros concellos da comarca: Ferrol, Fene, Neda, Valdoviño, Ares, Pontedeume, San Sadurniño, Moeche e Monfero.

Na xornada de onte desprazáronse ao Pazo 880 escolares, en dúas quendas, dos IES As Telleiras e Terra de Trasancos, (Narón); do Ferrol Vello e Catabois, Carvalho Calero, Rodolfo Ucha, (Ferrol); Fernando Esquío (Neda); Xunqueira (Fene) e Atios (Valdoviño). Acudiron outros 549 procedentes dos colexios Ayala, Santiago Apóstol e Jorge Juan, (Narón), da asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal e tamén das Mirandas (Ares) e Breamo (Pontedeume).

Todos eles presenciaron unha obra, “Desexo”, que aborda o tema da sexualidade e das relacións entre persoas… temas que aínda en determinados ámbitos continúan sendo tabús. A MOTIX continuará desenvolvéndose no mes de novembro, os días 12 e 13 no Pazo, coa representación da obra “O mundo está roto pero pódese camiñar”, de Contraproducións.

Ese mesmo mes, do 18 ao 20 de novembro as representacións desta mostra trasladaranse ao Auditorio municipal, na Praza de Galicia, onde o alumnado poderá ver a peza “A nena e o grilo camiño das cores”, de Ghazafelhos e Magín Blanco. As últimas propostas de novembro regresarán ao Pazo da Cultura os días 26, 27 e 28, cando se representará a obra “Rob”, da compañía Teatre de L´Abast.

Finalmente, para pechar a Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil de Narón, do 2 ao 4 de decembro representarase nas tres escolas infantís municipais, as da Solaina, A Gándara e Piñeiros, obra “La selva” da compañía Teloncillo Teatro.

O Padroado da Cultura de Narón organiza esta convocatoria, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Lea también

Inscrición aberta en Narón no contacontos infantil e familiar Burromaquia

A Biblioteca municipal de Narón acolle este sábado 2, o contacontos infantil e para público …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *