A licitación do proxecto de formación dun novo tramo de beirarrúas en Abade, á altura do lugar das Sete Pontes, publicouse esta semana na Plataforma estatal de Contratos do Sector Público. Un proxecto que o Concello de Moeche incluíu no POS+ 2024 financiado no 100% do investimento pola Deputación da Coruña.
O contrato, cifrado en corenta mil euros (40.000,00€), IVE incluído, servirá para ampliar as beirarrúas da estrada xeral AC 862, e avanzar na mellora na seguridade viaria da AC-862 ao seu paso por Abade facendo da marxe desta estrada un entorno moito máis cómodo e accesible para os peóns.
O proxecto suporá a execución dunha senda transitable a nivel na marxe esquerda da estrada de titularidade autonómica AC-862 Ferrol-San Cibrao, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 25+930 e 26+150, correspondente co lugar de Sete Pontes, entre o acceso á fábrica lácteos Moeche e o antigo local da sociedade gandeira de Abade, uns 150 metros de lonxitude .
As obras forman parte do programa iniciado hai uns anos polo Concello de Moeche dirixido a incrementar nas infraestruturas viarias os niveis de funcionalidade, seguridade vial, accesibilidade e calidade do espazo público.
Deste xeito, neste caso concreto trátase dar continuade ás obras levadas a cabo a principios do ano 2023 segundo o proxecto reposición de beirarrúas existentes en Mil de Arriba e Mil de Abaixo, financiadas con cargo ao Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal, POS +2022.
O tempo de execución é de tres meses desde a sinatura do contrato. O proceso de licitación do contrato para a formación de novo tramo de beirarrúas pode consultarse na Plataforma estatal de Contratación co Sector Público. O prazo para que as empresas presenten as súas ofertas finaliza o próximo 11 de novembro.