O equipo Axa Arqueoloxía que dirixe Emilio Ramil acaba de iniciar unha nova campaña de escavación no Castro Sarridal coa financiación do Concello de Cedeira.
O traballo, segundo explicou Ramil, vai permitir seguir avanzando pola zona situada entre a sauna castrexa e o cantil, na que apareceron na anterior escavación estruturas da primeira etapa de ocupación da zona que datan do século III a.C.
O arqueólogo destacou a importancia do xacemento polos moitos elementos singulares que se atoparon nunha área tan pequena: a sauna castrexa, a pedra formosa, a estrutura dunha forxa, un sistema defensivo reforzado con torreóns interiores e exteriores… “elementos que é difícil atopar e que ofrecen unha secuencia completa da historia dos castros en Galicia”.
Recordou Emilio Ramil que a descuberta da sauna castrexa de Sarridal, xunto cos traballos do investigador Ángel Villa, do Museo Arqueolóxico de Oviedo, serviron para amosar que este tipo de estruturas, que ata hai pouco só se tiñan documentado na época da romanización, existieron xa na Idade de Ferro.
Na nova campaña que acaba de comezar, o equipo Axa Arqueoloxía vai viaxar de novo á época máis antiga do asentamento, onde se descubriron uns valados e muros correspondentes a estruturas domésticas que estaban por debaixo do nivel de construción da sauna castrexa. Son elementos que datan do século III a.C., nunha zona que estivo poboada -polos elementos descubertos ata o momento- polo menos ata finais do IV ou o V d.C.
Traballan nesta nova campaña, que se vai prolongar de aquí á primeira semana de novembro, tres arqueólogos -Vanesa Trevín e Xaquín Ferrer xunto con Emilio Ramil-, xunto cun técnico de dron e tres auxiiares de escavación. Xunto co levantamento de máis superficie pola zona posterior á sauna, farase a consolidación dos últimos restos descubertos.
O Concello inviste na financiación destes traballos 17.847,50€, despois de que os anteriores foran custeados pola Dirección Xeral de Patrimonio, seguindo coa alternancia que manteñen ambas as dúas administracións desde o ano 2015.