O Pazo da Cultura de Narón acollerá este domingo, día 20, un Encontro de Corais organizado polo Concello e a Coral Chorima de Castro. A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, presentou a convocatoria acompañada por Desirée Prieto, presidenta da asociación cultural Chorima de Castro; María José Veiga, vicepresidenta; Francisco Balseiro, secretario; Juan Serantes, vogal e María José Eimil, integrante da formación coral.
Actuación de grupos
Na convocatoria actuarán a Coral Chorima de Castro, de Narón; a coral polifónica Airiños de Caranza, de Ferrol, o Orfeón Xoán Montes, de Lugo e o coro Cardenal Quiroga da Catedral de Santiago de Compostela.
“A nosa intención era facer algo relacionado coa música galega, con grupos galegos, e que fose un pouco inédito, con grupos da comarca e tamén outros que non estiveran nunca, como neste caso o orfeón Xoán Montes de Lugo e o coro Cardenal Quiroga de Santiago”, explicou a presidenta de Chorima. Así mesmo destacou a importancia de “interpretar temas coñecidos e tamén cousas que non están acostumados a escoitar, un pouco diferentes e persoais digamos”.
En relación co evento, Francisco Balseiro agradeceu a colaboración do Concello de Narón na organización deste encontro e tamén a presencia de todas as formacións que participarán, especialmente da lucense e compostelana, “polo significado que ten que veñan a Narón a participar neste evento”.
A rexedora local avanzou que a cita terá lugar ás 18.00 horas no Pazo da Cultura, podendo recollerse xa os convites –é de balde- no despacho de billetes do Pazo, de 9.30 a 14.00 e dende as 17.00 ata as 20.30 de luns a sábado, ou o domingo unha hora antes do inicio do evento.
Ferreiro destacou o traballo que realiza Chorima, unha das formacións da cidade integrada na Federación Coral Galega. “Neste Concello apostamos firmemente pola cultura, neste caso no ámbito musical, e contamos con
grandes agrupacións, como Chorima, integradas por veciñas e veciños desta cidade, o que é todo un orgullo para nós”.