Narón pon en marcha o programa municipal Encontros

A concelleira de Benestar Social de Narón, María Lorenzo, anunciou o inicio este sábado 5 do programa municipal Encontros, dirixido a persoas maiores de 60 anos da cidade que se atopan en situación de soidade non desexada.

A través deste programa, tal e como indicou a edil naronesa, desenvolveranse unha serie de actividades nas que se abordarán temas vencellados á seguridade, alimentación, saúde física e emocional…Todas estas propostas levaranse a cabo con tres grupos, nos centros cívicos sociais de Pedroso, Santa Icía e o Alto do Castiñeiro.

A concelleira explicou que cada grupo ten programadas unha ducia de sesións, de dúas horas de duración cada unha delas. Un día á semana, os sábados pola tarde, reuniaranse cos seus respectivos monitores para participar en actividades como música e karaokes, xogos de alimentación saudable, saídas e merendas, cociña tradicional e recetarios.

“En todos os casos trátase de propostas de balde, que abarcan áreas como a cultura, o deporte, a educación… sen esquecer o apartado lúdico e de convivencia entre maiores en espazos de encontro e apoio mutuo”, apuntou Lorenzo.

As persoas interesadas en recibir máis información ou en inscribirse neste programa poden dirixirse ao Servizo Sociocomunitario Municipal –no primeiro andar do Concello- ou chamar aos números de teléfono 633 230 054 ou 613 196 841.

Lea también

Inscrición en Narón nun obradoiro de banda deseñada dirixido a público infantil

O Concello de Narón programou, a través do Servizo de Normalización Lingüística, un obradoiro de …