A Escola de Xadrez da Galicia Norte, en colaboración coa Escola Ferrolá de Xadrez e co patrocinio do Concello, organizará no municipio o VIII Torneo de Xadrez Concello de Ares, un evento ideal para os amantes deste deporte mental que se promoverá o 13 de outubro no Casino de Ares.
O torneo vén de ser presentado por parte de Alma Barrón, concelleira de Cultura, o técnico de deportes municipal, Javier Sánchez, e Xoán Rei, promotor titulado de eventos de xadrez a nivel comarcal coma axente involucrado na organización.
Eles foron os encargados de debullar con máis detalle as características do torneo, que desembarcará en Ares en tres quendas de mañá e de tarde: ás 11:00 h., 12:00 h. e 13:00 h., e logo retomará a actividade ás 16:00 h., ás 17:00 h. e ás 18:00 h.
Ademais, este VIII Torneo de Xadrez Concello de Ares pretende recuperar as dinámicas e sinerxias do pasado da localidade, pois o municipio contou no seu momento cun Club de Xadrez Federado e con esta mesma tipoloxía de competición, que levaba un período longo de tempo sen organizarse.
É precisamente aos antigos afeccionados de xadrez en Ares, amais de novas personas interesadas nesta tipoloxía de deporte, aos que se desexa convidar a participar e solidificar lazos baixo un interese común. Mais sempre defendendo que o xadrez non de idades, sexos, eivas físicas… é horizontal e aberto a todo o mundo.
O ritmo de xogo será de 20 minutos para cada deportista, na procura de partidas que resulten vistosas e dinámicas para os participantes, pero tamén para espectadores acompañantes, baixo unha modalidade denominada como ‘suíza’, onde se hibrida un sistema de liga e copa e se favorece, no caso dos desempates, ás persoas con adversarios máis fortes atendendo á clasificación xeral.
Dende a organización apuntan que haberá trofeos para os tres primeiros clasificados nas categorías sénior, veterán (+ 60 anos), sub-18 anos, sub-16 anos, sub-14 anos, sub-12 anos e sub 10-anos, pois o evento ten carácter oficial, é dicir, resulta válido para o ránking nacional ou internacional dos participantes.
As inscricións xa están abertas, habilitándose dous xeitos para reservar praza: ben por correo electrónico, contactando con xoanrei@gmail.com, ben por teléfono no 655 796 421, até o mesmo 13 de outubro ás 10:30 h.
O prezo de participación xeral é de 5 euros, mais é totalmente de balde para as persoas residentes en Ares, previa acreditación desa condición.