Marián Ferreiro participa no II Encontro de alcaldesas en Palexco

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, participou xunto cunha trintena de rexedoras locais, na segunda edición do Encontro de alcaldesas organizado polo Concello da Coruña no Palacio de Exposicións e Congresos de A Coruña (Palexco).

A convocatoria deu comezo cunha recepción institucional no Pazo municipal de María Pita, onde se procedeu a ler a II declaración de María Pita para, a continuación, realizar unha fotografía de todas as participantes nesta convocatoria, presidida pola alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey, e na que participou a vicepresidenta primeira do Goberno e Ministra de Facenda, María Jesús Montero.

Tomando decisións para cambiar o mundo é o lema desta edición da convocatoria, que dá continuidade á celebrada no ano 2022 e coa finalidade, entre outras, de fomentar o liderazgo das mulleres no ámbito político e reflexionar sobre o seu papel na política local.

Ademais de Ferreiro, estiveron tamén no acto as rexedoras de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; Las Palmas de Gran Canaria, Carolina Darias; Lugo, Paula Alvarellos; San Fernando, Patricia Cavada; Barakaldo, Amaia del Campo, etc.

O encontro, aberto á cidadanía, continúa pola tarde, nas instalacións de Palexco, onde ás 17.15 horas deu comezo unha mesa redonda para falar sobre Mulleres no poder local: novas políticas nas axendas do cambio; ás 18.30 horas haberá outra sobre A cidade das mulleres: traballando dende o espazo urbano para a innovación local e, finalmente, ás 19.30 horas a que pechará o programa, sobre Claves para unha política económica feminista no desenvolvemento local.

Marián Ferreiro valorou o feito de poder participar nesta convocatoria, “no que quedará patente a visión que moitas mulleres temos da política en xeral e do exercicio da mesma no ámbito local, autonómico e mesmo nacional”.

A rexedora local naronesa destacou que se trata “dunha convocatoria única na que poder compartir experiencias políticas, obxectivos e retos de futuro con outras mulleres, ver diferentes enfoques e facelos públicos a través deste acto, polo que quero felicitar ao Concello da Coruña, agradecendo o convite ao mesmo”.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …