Narón abre o prazo de inscrición nun curso de operador de guindastre de taller

A concelleira de Formación, Natalia Hermida, indicou que as sesións se desenvolverán en dúas edicións nos meses de outubro e novembro.

O Concello de Narón abre este martes ás 8.30 horas o prazo de inscrición nun curso de operador/a de guindastres de taller: ponte guindastre, pórtico e semipórtico, do que se desenvolverán dúas edicións, con doce prazas cada unha delas.

A edil de Formación, Natalia Hermida, anunciou que esta acción formativa, do programa municipal financiado integramente con recursos do Concello, se dirixe a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón, se ben no caso de non cubrirse todas as prazas con persoas empadroadas en Narón poderán acceder as doutros concellos.

O período para inscribirse permanecerá aberto ata o 7 de outubro ás 13:30 horas. Hermida explicou que este curso terá unha duración total de 58 horas (das que 18 serán de módulos transversais presenciais) e que as datas previstas para a celebración do mesmo son do 14 ao 30 de outubro para a primeira edición e do 4 ao 20 de novembro para a segunda. As clases desenvolveranse no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres.

A parte teórica do curso, con 20 horas, adicarase a contidos como normativa, o operador de guindastre, coñecementos xerais de mecánica, tecnoloxía de aparatos de elevación, emprego dos aparatos de elevación e normas de seguridade, a manipulación de materiais e os controis, mantemento e avarías, entre outros.

Así mesmo, haberá unha parte práctica, tamén de 20 horas, sobre exercicios de manipulación e de emprego, control e situacións de emerxencia, e módulos transversais de prevención de riscos laborais no sector naval e medio ambiente no sector naval, orientación laboral e busca de emprego e igualdade de oportunidades.

As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello, na Sede Electrónica e polos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición no rexistro e o listado provisional de persoas admitidas, suplentes e excluídas publicarase na Sede Electrónica do Concello. O alumnado seleccionado será informado telefonicamente da súa admisión para confirmar a praza. Para recibir máis información pode consultarse a páxina web do Concello de Narón ou contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1108 e 1109).

Lea también

Axenda en Narón do 4 ao 6 de outubro

Venres 4 de outubro de 2024 Actividade: Teatro contemporáneo: Noso Hora: 20.30 Lugar: Pazo da …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *