Inscricións en Narón nos programas Apoio-Te e Reforzando o futuro

O alumnado escolarizado en centros de ensino público de Narón que estea cursando educación Primaria ou Secundaria é o destinatario, respectivamente, dos programas Apoio-Te e Reforzando o futuro.

As edís de Educación, Olga Ameneiro, e Benestar Social, María Lorenzo, presentaron as propostas, para as que se abrirá este luns 30, o prazo de inscrición. Os destinatarios destes programas serán derivados dende os departamentos de Orientación dos centros educativos ou do Servizo Sociocomunitario municipal.

O programa Apoio-Te, impulsado dende a área de Educación, impartirase na Casa da Mocidade, dúas horas á semana, polas tardes, para un total de 48 persoas. Olga Ameneiro explicou que a través do mesmo se aposta por “achegar ás rapazas e rapaces as novas tecnoloxías e o potencial que ofrecen para adquirir coñecementos, educándoos nun uso responsable das mesmas e, ao mesmo tempo, reforzar as áreas de lingua e matemáticas entre aquel alumnado con máis dificultades de aprendizaxe”.

Apoio e reforzo educativo, interacción social con iguais, educación en habilidades sociais, uso de novas tecnoloxías para obtención e tratamento da información e motivación e interese son os contidos que se abordarán nas sesións, entre os meses de outubro deste ano e decembro de 2025.

Así mesmo, o programa Reforzando o futuro, a cargo da concellería de Benestar Social, impartirase tamén dúas horas semanais, polas tardes, na Casa da Mocidade, na Gándara, para un total de 24 menores.

A edil responsable da área, María Lorenzo, avanzou que se abordarán, tamén dende outubro e ata decembro de 2025, temas como o apoio escolar, a saúde sexual, a diversidade afectivo sexual e de xénero, habilidades sociais, educación intercultural, resolución de conflitos e bo uso das novas tecnoloxías.

“A través deste programa potenciaranse as capacidades do alumnado para lograr a súa inserción e integración de cara á participación na vida social e persoal e tamén se incidirá nas actitudes e hábitos persoais axeitados para previr situacións de risco e mellorar as relacións familiares e sociais en xeral”, apuntou a edil.

Para obter máis información sobre estes programas pódese contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal no teléfono 981 337 700 (extensións 1122, 1108 e 1109), do correo electrónico: omix@naron.gal ou consultar a web; buscoactividade.naron.es.

Lea también

Música, maxia, xogos populares e degustación de callos e bolos preñados para celebrar o Día de Narón

  A Praza 23 de Novembro acollerá este sábado os actos do programa co que …