Narón súmase á limpeza simultánea de ríos en Galicia

O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Ramos, e Borja Díaz, técnico en Educación e control ambiental, anunciaron este luns 23 a participación do Concello de Narón na “XVII Limpeza simultánea de ríos en toda a xeografía galega”, organizada pola citada asociación ecoloxista e Proxecto Ríos, cos que colabora Díaz.

A convocatoria desenvolverase este domingo, día 29, entre as 10:30 e as 14:00 horas, e conta coa participación de preto de 60 municipios e 70 entidades galegas, tal e como apuntaron. A finalidade deste acto é limpar de lixo os ríos a través da colaboración do voluntariado, polo que poderá participar calquera persoa que o desexe.

No caso de Narón a tarefa realizarase, segundo as previsións iniciais, na marxe do río entre a rotonda de Freixeiro e o muíño das Aceas. O Concello aportará material e servizos para poder levar a cabo esta convocatoria. A iniciativa está aberta á participación das persoas que desexen colaborar, que poderán facelo pola senda peonil e ciclista ou con calzado apropiado –botas de auga- pola propia beira do río Freixeiro.

Os nenos menores de idade deberán ir acompañados do pai/nai ou titor. Para anotarse haberá que chamar ao número de teléfono 627 396 653, ata o xoves ás 20:00 horas, con fin de ter unha previsión sobre o material preciso.

O proxecto ríos é un programa de educación e voluntariado ambiental encamiñado a dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas e fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando ferramentas que garantan a súa participación, tal e como indican dende Adega.

O edil naronés animou ós veciños a participar nesta convocatoria, “unha acción máis de sensibilización ambiental na que colaboramos dende o Concello, co fin de tratar de concienciar á xente da importancia de manter limpos os nosos ríos en particular e as nosas cidades en xeral”.

Lea también

Herida una animadora del tren navideño de Narón al caer del vehículo en marcha

La joven, que realizaba labores de animación caracterizada como «elfa», fue trasladada a un centro …