Cedeira licita as obras de humanización na zona das «Casas Baratas»

O Concello de Cedeira publicou o expediente de licitación das obras de “Creación de espazos verdes na rúa Silva 26”, unha actuación que ten un orzamento de 67.555,12€ (IVE incluído) e que se vai financiar en parte cos recursos do POS+2024.

Recreación

A intervención vai dirixida a humanizar este espazo, situado nunha bifurcación da zona coñecida como a das “Casas Baratas”, con mobiliario urbano e vexetación para convertilo nun lugar acaído para o encontro e a convivencia da veciñanza.

Antes das obras

Son 73 metros cadrados situados na bifurcación da rúa Silva, á altura do número 26, que actualmente están degradados e desaproveitados. As obras abranguen a plantación de árbores e a instalación dunha zona de bancos cunha estrutura cuberta parcialmente que fará máis confortable este espazo.

Haberá tamén un aparcamento de bicicletas e renovaranse as beirarrúas ao arredor, que agora non son moito máis que un bordo, dándolles un ancho suficiente para garantir a accesibilidade.

A nova zona verde da rúa Silva está situada contra a fachada cega dun edificio, na que o Concello se propón, sempre que conte co consenso dos veciños do inmoble, unha nova obra de street art.

As empresas interesadas en concurrir ao proceso de licitación teñen ata o día 3 de outubro para presentar as súas ofertas. O expediente está publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público e seguirá o procedemento aberto simplificado. O Concello de Cedeira aportará 32.003€ do presuposto e a Deputación da Coruña, a través do POS+2024, os restantes 35.551€.

Lea también

El Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira convoca el concurso de diseño del cartel de 2026

El Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira anuncia la apertura del concurso de carteles …