Fene inicia as obras de reurbanización da rúa Antonia Montero

O Concello de Fene vén de iniciar as obras de reurbanización da rúa Antonia Montero, unha actuación estratéxica que busca mellorar significativamente a calidade de vida da veciñanza e preparar a rúa para o futuro.

O proxecto inclúe a renovación completa dos servizos de saneamento, a canalización subterránea da rede eléctrica e de telecomunicacións, e a mellora das beirarrúas e calzada para garantir unha accesibilidade óptima.

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, acompañado polo concelleiro de Obras, Manuel Polo, visitaron o lugar antes de que comezasen os traballos para revisar todos os detalles do proxecto e asegurar que se desenvolva con normalidade.

“Esta obra é unha das máis importantes que acometemos este ano, non só pola mellora evidente da rúa, senón tamén pola súa importancia como vía de conexión para a estación de Perlío”, destacou Trigo. O alcalde engadiu que “malia que causará certas molestias temporais, estamos convencidos de que os beneficios serán notábeis para toda a veciñanza”.

Desde o punto de vista técnico, o concelleiro de Obras, Manuel Polo, explicou que “as actuacións inclúen a renovación da rede de saneamento de augas fecais e pluviais, a renovación do pavimento nas beirarrúas co materiais de maior durabilidade, e a modernización da rede de alumeado público”. Polo asegurou que “grazas a esta intervención integral garantirase que a rúa Antonia Montero estea preparada para soportar o tráfico rodado e peonil durante moitos anos”.

As actuacións, que se prolongarán por un período de catro meses, afectarán temporalmente ás prazas de aparcadoiro, que se verán reducidas durante a execución das obras. Desde o goberno local pídese comprensión á veciñanza, e aseguran que se están a tomar todas as medidas posíbeis para minimizar as molestias.

Estas obras, que contan cun orzamento de 172.400 euros, están financiadas con cargo ao POS+Adicional 2/2021 1º Fase da Deputación da Coruña.

Lea también

Neda avanza las propuestas de mejora del actual sistema de abastecimiento de agua formuladas por Viaqua

El alcalde de Neda, Ángel Alvariño, se reunía este viernes en la Casa Consistorial con …