O Grupo Municipal Socialista de Ferrol denuncia publicamente «as declaracións enganosas do alcalde en relación coa recente aprobación da modificación puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello».
«Contrariamente ao que afirmou o alcalde, non se aprobou ningunha nova RPT. O que realmente se levou a cabo foi unha modificación necesaria para a estabilización do emprego, un proceso que non implica nin a incorporación de novo persoal nin unha reorganización significativa das áreas municipais». «Ademais, é falso que esta modificación constitúa un paso previo para a elaboración dunha nova RPT. Ambas cuestións son totalmente independentes e non están relacionadas entre si».
«Cabe destacar que esta modificación da RPT xa estaba prevista desde hai tempo, pero o goberno municipal do Partido Popular forzou aos sindicatos a incluír novos postos na modificación, o que resulta absurdo dado que anunciaron que en setembro comezarán a tramitar unha nova Relación de Postos de Traballo».
«Esta manobra tivo como único resultado ralentizar aínda máis o proceso de estabilización do emprego».
«Chama especialmente a atención que, nesta modificación da RPT, o departamento de Alcaldía sexa o que máis preocupa ao alcalde, mentres outras áreas municipais seguen a padecer unha grave falta de persoal. Esta prioridade resulta incomprensible tendo en conta asnecesidades urxentes noutrasáreas vitais para o bo funcionamento da cidade».
O portavoz do grupo socialista Ángel Mato afirma que «o goberno municipal do Partido Popular recorre á mentira e á manipulación da información. Xa o fixo anteriormente cando alegou unha suposta ilegalidade na rúa da Igrexa, ou ao afirmar que existía un gran burato nas arcas municipais, para despois aumentar a póliza de crédito e organizar as festas máis caras da historia de Ferrol».
O Grupo Municipal Socialista considera que «a cidadanía de Ferrol merece un goberno transparente e honesto, e non un que recorra a medias verdades e manipulacións para ocultar a súa ineficacia na xestión do persoal municipal».