II Cronoescalada Sanrockeira de Naraío, San Sadurniño

O Concello de San Sadurniño e o club Biela e Chaveta organizan para a tarde deste venres, en colaboración coa comisión de festas de Naraío, a segunda edición da Cronoescalada Sanrockeira.

Unha proba ciclista que o ano pasado se estreou no calendario comarcal do ciclismo afeccionado con 52 participantes e que neste 2024  case duplicará esa cifra. E é que o sábado á noite, tralo peche das inscricións, anotáranse na cita un total de 94 deportistas co obxectivo de marcar o mellor tempo nos pouco máis de tres quilómetros que separan a pista polideportiva da Veiga do lugar de Quintiá.

A cronoescalada comezará ás 18:30h dándo saídas de cada minuto e pasando polo Eirexado, Correlo, o Cerdeirido, a Cernada, Lourido e, finalmente, Quintiá.

En todo ese trazado non se cortará a circulación e, por esta razón, prégaselles ás persoas usuarias da pista que circulen con precaución entre a hora de inicio e as 20:00h, momento en que está previsto que remate esta contrarreloxo coa que se abre a fin de semana festiva do San Roque. 

A primeira edición da cronoescalada, a de 2023, foi un primeiro ensaio no que houbo unha chea de categorías e onde o control dos tempos se fixo reloxo en man. Ambas circunstancias complicaron un chisco o desenvolvemento da proba e retrasaron a entrega de trofeos.

Coa aprendizaxe que dá a experiencia e despois de analizar o perfil maioritario dos e das participantes, o Concello e Biela e Chaveta decidiron manter os apartados de bici de estrada e bici btt, aínda que reducindo en ambos o número de categorías, que quedarán este ano en Absoluta -18 a 49 anos- e Máster 50 -de 50 anos en diante- tanto en feminino como masculino. Ademais, para axilizar o cotexo dos tempos, a medición farase mediante chip.

Os dorsais poderán retirarse ata as 18:00h presentando o carné ou a licenza federativa. Todas e todos os ciclistas terán cobertura dun seguro e, ademais, a organización tamén contará con ambulancia ante posibles incidencias. 

Na chegada haberá avituallamento  para todas e todos os participantes, que poderán regresar á saída polo mesmo camiño respectando o avance de quen aínda estea subindo. En 2023 houbo quen fixo a crono dúas veces, unha en bici de montaña e outra en bici de estrada.

O itinerario discorre sobre firme aglomerado, algo que favorecerá ás bicicletas de roda estreita e razón pola que a organización dividiu a proba nesas dúas modalidades, sabedora de que a evolución con roda ancha é, a priori, máis lenta.

O primeiro quilómetro de trazado, entre a pista polideportiva da Veiga e a Cernada (polo camiño novo de Lourido) ten escasa dificultade, con costas suaves, algún segmento chan e incluso algunha baixada.  A cousa complícase na volta do rego, a 2,4 km da meta, onde empeza un ascenso ininterrompido -só hai algo de alivio ao pasar polo cruzamento de Lourido- ata practicamente o final, cuns últimos metros en terreo chan de novo no que será posible esprintar para ganar algúns segundos.

A pista estará aberta ao tráfico durante o transcurso da proba. De aí que se lle pregue a máxima precaución tanto ás persoas participantes como ás usuarias da vía, a quen tamén se lles pide que, de ser posible, usen itinerarios alternativos entre as 18:30 e as 20:00h, hora estimada de remate da crono.

Levarán trofeo os tres mellores tempos masculinos e femininos de cada categoría.  Ademais tamén se lle entregará galardón a quen fagan os mellores rexistros femininos e masculinos tanto na xeral en estrada como na xeral en BTT. Hai trofeos, por último, para a muller e o home de maior idade e para as dúas persoas de San Sadurniño que queden mellor clasificadas.

A II Cronoescalada Sanrockeira está organizada pola Concellaría de Deportes coa colaboración do Club MTB Biela e Chaveta e a comisión de festas de Naraío, onde honrarán ao San Roque o sábado e o domingo.

Por outra banda, a partir das 15:00h o Concello de Moeche -coa colaboración do de San Sadurniño- organiza un percorrido entre o castelo de Naraío e a fortaleza situada en San Xurxo. Trátase dun itinerario de 14 quilómetros pola historia medieval da nosa zona que estará guiado polo técnico de Turismo Ramón Carballeira e no que tamén se verán múltiples elementos da arquitectura civil e relixiosa.

A ruta, de dificultade media-baixa, durará unhas catro horas e ten un prezo de 5€ para o seguro. As reservas poden facerse en turismo@moeche.gal até a mañá mesma do venres.

Lea también

Abierta la presentación de ofertas en FIMO Ferrol, para la ciudad del deporte

Hasta el próximo 29 de julio se pueden presentar las ofertas para las mejoras en …