O Concello incrementa a contía e o número de premios do seu certame de pintura rápida.
A Xira de Santo Antón do pasado sábado pechou as Festas da Patroa, o capítulo máis intenso deste agosto na vila de Cedeira, pero desde o Concello recordan que todavía quedan citas importantes no que resta de mes. Unha delas o vindeiro domingo, cando terá lugar unha nova edición do Certame de Pintura Rápida “Vila de Cedeira”.
O goberno municipal aumentou desta volta a dotación de premios, na contía dos tres que se concedían habitualmente e tamén coa creación de catro accésits. En total repartiranse 2.500€ entre un total de sete obras seccionadas polo xurado.
O certame levará ata a localidade a artistas profesionais e afeccionados de dentro e fóra da comunidade galega, que terán unhas horas para plasmar nas súas obras a beleza da localidade. A inscrición e o selado dos soportes realizararse de nove a once da mañá, no posto de turismo da rúa Ezequiel López, e o tempo para pintar rematará ás 17.30 horas, cando todas as obras deberán estar entregadas na Sala Áncora, na praza Roxa. Alí deliberará o xurado, formado nesta edición polo concelleiro de Cultura, Xosé Antón Arribe Rodríguez, e polos artistas Sarah Louise Jeffery e Andrés Urrutia Beato.
O espazo establecido para que pintores e pintoras coloquen os seus cabaletes abrangue o paseo marítimo, a praia da Madalena, o paseo da Mariña, a zona do río Condomiñas, praia de Area Longa, casco vello e porto de Cedeira.
Os tres primeiros premios estarán dotados con 900, 700 e 500€ respectivamente, sumados ao correspondiente diploma, e a maiores o xurado elixirá catro accésits de 100€ cada un. Unha vez que se dea a coñecer o fallo –acto previsto para as 18.30 horas- as obras permanecerán expostas ata as 20.00 horas, ben no interior da Sala Áncora ou no exterior, se a meteoroloxía o permite.