Fene conmemora o Día da Patria Galega cun emotivo acto institucional

O Monumento Día da Patria Galega, situado no Parque Liñal do Río Cádavo, acolleu o acto institucional co que o Concello de Fene conmemora o Día da Patria Galega. Un evento que puxo fin ao ciclo “Xullo, Mes da Patria”, que nas últimas semanas acolleu unha ampla programación cultural.

O acto contou coa participación de Alexandre Marín; do concelleiro de cultura, Justo Ardá; e do alcalde de Fene, Juventino Trigo. O fenés Alexandre Marín, fillo do debuxante e humorista gráfico Xaquín Marín, é actualmente técnico de cultura no Concello de Culleredo, e foi o encargado de ler a declaración institucional do Día da Patria Galega, na que declarou que “como diría Isolino -en referencia á personaxe creada polo seu pai Xaquín- Galiza ten presente e futuro porque ten pasado, porque ten cultura, ten patrimonio, ten tradición, porque ten unha lingua viva e vizosa e porque ten, por riba de todo, a cada un dos galegos festexando ser quen son”.

Pola súa banda, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, fixo unha intervención na que subliñou a relevancia histórica e cultural do Día da Patria Galega, facendo un percorrido desde os seus inicios no século XX até a actualidade.

“Foi a comezos do Século XX cando a II Asemblea Nacionalista acordou institucionalizar o Día da Patria o 25 de Xullo”, salientou Trigo na súa intervención, lembrando que “desde aquela as conmemoracións do Día de Galiza tiveron  sempre como eixo central a reivindicación dos símbolos e da identidade do País”.

O rexedor fenés destacou “o papel do Concello de Fene na conmemoración desta data, coa organización de múltiples actividades durante o mes de xullo”, e convidou á veciñanza “a pendurar a bandeira azul e branca das fiestras e balcóns, facendo un chamamento á participación nos actos convocados para o 25 de Xullo”.

Rematou a súa intervención Juventino Trigo citando ao poeta nacional Manuel María, “cuxos versos encapsulan o espírito da identidade galega”: “Galiza somos nós, a xente máis a fala. Se buscas a Galiza, en ti tes que atopala”.

Con este acto, o Concello de Fene reafirma o seu compromiso coa promoción e preservación da cultura e identidade galegas, convidando á veciñanza a participar activamente na celebración do Día da Patria Galega o 25 de Xullo.

Lea también

Paro total en los dos astilleros de Navantia en la ría de Ferrol para demandar avances en la negociación del convenio

Se trata de una jornada de huelga de 24 horas que se secunda en el …