Alumnado do curso Servizo de bar e cafetería, organizado en Cedeira, atopa emprego

Máis da metade do alumnado que durante o mes de xuño participou no curso gratuíto de Servizo de bar e cafetería organizado polo Concello de Cedeira acadou un posto de traballo ao rematar a formación.

Das dez persoas inscritas na acción, seis están xa a traballar no sector, mentres que outras dúas poderían incorporarse tamén proximamente ao mercado laboral.

Estas cifras dan conta do éxito da actividade promovida desde a Concellería de Promoción Económica e Emprego, cuxo obxectivo principal era precisamente capacitar a persoas desempregadas para o traballo no sector da hostalería, cunha alta demanda de persoal.

Durante un mes, o alumnado, que amosou un grande interés durante o desenvolvemento de toda a formación, tivo oportunidade de adquirir coñecementos e destrezas sobre as principais cuestión relacionadas co servizo á clientela nas mesas ou na barra, a preparación e presentación das diferentes bebidas, aspectos vencellados á xestión dos negocios de hostalería e normas de seguridade e hixiene.

As clases foron impartidas na Confraría de Pescadores, de luns a venres en horario de 16.00 a 21.00 horas, sumando un total de 110 horas teórico-prácticas. Todo o alumnado inscrito no curso rematou a formación.

Este curso enmarcase na aposta do goberno local de Cedeira polo emprego, impulsando a capacitación de persoas desempregadas que terán, a través da formación, mellores condicións para acceder a postos de traballo en sectores demandantes, como neste caso a hostalería.

Lea también

Rueda subraya la inversión en infraestructuras del agua en Ares para impulsar el turismo de calidad

El presidente de la Xunta destaca la necesidad de servicios «a la altura» del entorno …