Ares rende homenaxe a Ramón Rey coa «I Festa do Arroz con Garrafón»

O Concello de Ares e a Comisión de Festas do Mar organizarán conxuntamente unha das principais novidades deste verán en Ares. Trátase da 1ª Festa do Arroz con Garrafón, unha innovación gastronómica que complementa ao resto de oferta do período estival e que, sobre todo, conmemora a figura de Ramón Rey Sánchez, ‘Garrafón’, veciño do municipio moi lembrado aínda pola súa singularidade.

Alma Barrón, concelleira de Cultura, xunto con Gloria Rodríguez e Marta Cobelo, presidenta e tesoureira respectivamente da Comisión de Festas do Mar, presentaron no consistorio a iniciativa e afondaron nas súas particularidades.

O xoves 25 de xullo, dende as 13:00 horas no parque Rosalía de Castro, a veciñanza poderá degustar un arroz feito polo especialista paelleiro José Aira con polo, verduras, calamar, mexillón, gambas e un tipo de aba característica do sur de España, o garrafón; todos ingredientes que aluden á frase de Ramón Rey, vociferada en moitas ocasións nos seus percorridos por Ares: ‘por terra, mar e aire e por debaixo do auga…’.

Ademais, a festa incorporará unha paella de 1,90 metros de diámetro coa que se servirán entre 600 a 700 racións desta receita, acompañadas de auga ou viño e pan baixo un prezo de 10 euros.

Dende o Concello salientan que é precisamente un “xeito de homenaxear a un persoeiro que forma parte da memoria colectiva do municipio e que caracterizou a Ares no pasado, deixando unha pegada no que somos a día de hoxe”.

Garrafón, un home que fica no recordo

Aínda que faleceu en 1982, Ramón Rey Sánchez aínda perdura en moitos veciños de Ares.

Cunha voz ronca e forte, vociferaba polas rúas da vila a mediados do século pasado con longas peroratas, pero tamén cumpría cunha particular función informativa, axudado por unha bocina: avisaba dos bandos municipais, comentaba en alto as súas aspiracións ou repartía prospectos do Radio Cine.

A súa condición de persoeiro converteuno nunha das figuras máis simbólicas da comarca e da identidade de Ares, agora conmemorado entre Concello e Comisión a través dun prato e toda unha festa gastronómica arredor da súa lembranza.

Lea también

Ferrol, acoge el encuentro intergeneracional de corales de personas mayores

La concejala de Política Social e Inclusión de Ferrol, Rosa Martínez, presentó este jueves 21 …