Izada en As Pontes a bandeira azul na praia do Lago

O Concello de As Pontes izou a bandeira azul na praia do lago, un galardón que concede anualmente dende 1987 a Fundación para a Educación Ambiental a praias e portos que reúnan unha serie de condicións ambientais e instalacións.

No acto estiveron presentes a concelleira de turismo, Elena López, e o concelleiro de medio ambiente, Roberto Rivera, acompañando a José Palacios, presidente da ADEAC, Asociación sen ánimo de lucro, responsable en España dos programas internacionais da Fundación para a Educación Ambiental: Bandeira Azul, Ecoescolas e Chave Verde.

A bandeira azul, que xa ondea no areal pontés, supón unha gran responsabilidade, en palabras de Elena López, concelleira de turismo, que subliñaba que “por cuarto ano consecutivo acadamos este distintivo que para nós supón unha ilusión enorme, por ver o froito do traballo feito durante todo este tempo. Tamén é un reto xa que o noso obxectivo é seguir mellorando os servizos e a conservación do entorno da praia”.

Catro anos atrás, cando a praia do lago das Pontes concorría por primeira vez polo distintivo dabandeira azul, facíao cun obxectivo claro, en palabras de Elena López: “Queríamos darlle garantías á xente de que un espazo recuperado como a praia do lago cumpría con tódalas esixencias turísticias e medioambientais como as que marca a bandeira azul”.

Pola súa banda, Roberto Rivera, concelleiro de medio ambiente, destacaba, ademais do que fan os responsables do coidado do areal do lago, “o gran traballo e o gran esforzo que fai a cidadanía ao longo destes últimos anos xa non só coa praia se non co entorno; por iso hai que agradecerlle aos veciños o coidado co que teñen para manter esta zona limpa de lixo”.

José Palacios, presidente da ADEAC, amosábase satisfeito coa concesión un ano máis da bandeira azul á praia do lago das Pontes, que “cumpre sobradamente tódolos requisitos: calidade da auga, que é excelente; pero tamén a xestión e información ambiental, a accesibilidade, aseos, servizo de salvamento… é difícil atopar praias con servizos de tanta calidade, e por iso felicito ao Concello”.

José Palacios quixo tamén animar ao Concello a presentarse á obtención do distintivo “Sendeiro azul” que pón en valor ao mesmo tempo a conservación de entornos xa humanizados e a interpretación do patrimonio natural e cultural, utilizando os Camiños Azuis como recursos para a conservación e a educación ambiental mediante a realización de actividades lúdicas, deportivas, turísticas e de lecer”.

Segundo indicaba José Palacios a senda do lago das Pontes cumpre sobradamente co esixido, xa que “a nosa vida, a nosa saúde, depende do entorno no que vivimos. E aquí, no lago das Pontes, observase claramente non só un respeto e un coidado se non tamén unha recuperación da paisaxe, que é fundamental xa non só para a nosa vida, se non para a das vindeiras xeracións”.

Lea también

Ortigueira presenta un variado programa de actividades para la Navidad

El Concello de Ortigueira ha diseñado una completa agenda de actividades navideñas que promete llenar …