A través dun comunicado de prensa remitido esta mañá, o grupo municipal de FeC denuncia ter coñecido este martes «polos medios de comunicación, a nova de que o goberno local de Rey Varela decidiu suspender o teletraballo para todo o persoal da administración local a partir do 1 de setembro, vulnerando así os dereitos do persoal municipal e o propio Regulamento de Teletraballo do Concello de Ferrol que se atopa en vigor».
Según manifesta FeC «dito Regulamento foi aprobado polo Pleno do Concello en agosto do 2021, recollendo un dereito individual dos traballadores e traballadoras desta administración local e os mecanismos para a súa concesión ou suspensión. Deste xeito, o artigo 10 de dito Regulamento indica que a suspensión do teletraballo se iniciará polo propio traballador/a ou pola xefatura de servizo ou o servizo de RRHH e poderá producirse por necesidades do servizo debidamente acreditadas, incumprimento dos obxectivos establecidos ou causas sobrevidas que alteren substancialmente as condicións e requisitos que motivaron a resolución favorable, cuestións que non se están a cumprir».
En el parecer de FeC, «o goberno de Rey Varela, sáltase a propia norma e actúa coma máis lle convén, utilizando o rodillo da maioría absoluta e ignorando o procedemento legal en vigor, sen realizar as audiencias previas individuais co persoal afectado e sen motivar cada caso en particular tal e coma indica o Regulamento». Para o grupo municipal de FeC o « problema deste Concello é a falta de persoal e non se soluciona prohibindo o teletraballo, coma pensa o goberno local tomando estas decisións unilaterais e fora do procedemento vixente».
Dende Ferrol en Común denuncian esta actuación do goberno «totalitario» de Rey Varela que, «unha vez máis, actúa pola súa conta, sen informar a ninguén, sen convocar as Comisións pertinentes coma a de Teletraballo, vulnerando a propia legalidade vixente e os dereitos dos traballadores e traballadoras deste Concello, unha cuestión que catalogamos de excesivamente grave».