A Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal ven de celebrar a súa Asemblea Xeral Ordinaria, onde se aprobou un orzamento por importe de case medio millón de euros para esta anualidade, o cal se compón de 138.560 € de fondos propios, 122.000€ dunha subvención de concorrencia competitiva concedida pola Deputación Provincial da Coruña e a previsión da sinatura dun novo convenio de colaboración con este órgano provincial por importe de 250.000€.
Do mesmo xeito, aprobáronse as contas anuais do pasado exercicio e o plan de actuación, coa os vindeiro anos. Nela estiveron alcaldes e concelleiros dos 7 concellos que forman parte da asociación, xunto con representantes do Comité Científico.
A asociación deu conta de todas as actuacións levadas a cabo no derradeiro ano, destacando a consecución do primeiro programa educativo do Xeoparque, que contou coa participación de uns 700 alumnos e a elaboración de diversos estudos sobre o territorio: un manual de sinalización turística, estudo-auditoría de rutas de sendeirismo e BTT e un inventario de recursos e plan de acción, actividades cofinanciadas pola Deputación da Coruña.
Tamén se puxo en valor a organización de diversos eventos e xornadas, como o Xeolodía 2023, as Xornadas Solos do Xeoparque Cabo Ortegal (primeiro evento organizado trala designación oficial como Xeoparque Mundial pola UNESCO), as Olimpíadas de Xeoloxía, o programa de XeoRutas, exposicións itinerantes, a primeira reunión presencial do Comité Científico e as actividades dentro da Semana Europea de Xeoparques, na cal se ofreceron rutas de sendeirismo, xeorrutas, charlas divulgativas con compoñentes do Comité Científico e un acto central para conmemorar o primeiro aniversario como Xeoparque Mundial UNESCO o 24 de maio.
En materia de cooperación, no pasado ano 2023 hai que salientar tamén a asistencia a Conferencia Internacional de Geoparques no N’Goun Geopark (Marrakech), á 49o reunión da European Geoparks Network (EGN) en Kuula Salihi Geopark (Turquía), a participación e presentación no Encuentro Nature Watch (Santander) e a participación en xaneiro de este ano con stand propio xunto o resto de xeoparques españois na feira internacional de turismo FITUR.
Dentro do plan de actuacións para os vindeiros meses, destaca a realización de distintas actividades dentro do programa da subvención DP0030/2023 da Deputación da Coruña, como son a elaboración de novo material audiovisual e folletos turísticos, así como a a ampliación do programa educativo, a organización de eventos sobre xeoloxía en colaboración coa Sociedad Española de Geología, a participación en foros e congresos especializados, e a asistencia ás IX Jornadas Abiertas del Foro Español de Geoparques.
Como principal fito plantexado pola asociación está próxima xa a creación da oficina técnica do Xeoparque. Trátase de dous procesos de selección, dunha praza de xerencia e doutra de xeólogo, cuxa resolución está prevista para finais de este verán.
Outro dos puntos de esta asemblea foi a aprobación das cotas das entidades asociadas (concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño), establecéndose unha cota por concello de 5€ por habitantes, ascendendo a suma total a 138.270,00€, destinados a fondos propios da asociación para a consecución do plan de actuacións.
Tal e como establecen os estatutos de esta asociación, é na asemblea xeral ordinaria onde se revisan e aproban as solicitudes das novas Entidade Amiga do Xeoparque, sendo en esta ocasión aprobadas as presentadas pola asociación San Andrés de Teixido Eventos (encargada da organización da Rapa das Bestas, actividade que serve para amosar a forma tradicional de desparasitar e controlar o gando da Serra da Capelada), a asociación Amigos do Parque Xeolóxico Cabo Ortegal (a cal traballa dende fai anos en divulgar e preservar este territorio) e a asociación para o desenvolvemento do turismo de calidade na comarca de Ortegal (asociación empresarial de profesionais da hostalaría e do turismo que busca promocionar e desenvolver o turismo de calidade na comarca do Ortegal).
Estas entidades veñen a sumarse ás 28 xa adheridas ata o momento.
Xeoparque Mundial da UNESCO Cabo Ortegal
A peculiariedade desta área reside en que aquí están na superficie rochas que habitualmente se atopan no manto da Terra, a máis de 70 quilómetros de profundidade. A ciencia xeolóxica ten no Ortegal un grande campo para investigar e ampliar o seu coñecemento sobre os cambios e momentos que viviu a Terra durante millóns de anos. Agora, co Xeoparque Cabo Ortegal o que se pretende é ampliar ese saber levándoo fóra dos círculos especializados.
Trátase de facer que todo isto sexa coñecido e valorado en primeiro lugar polos arredor de 28.000 habitantes dos sete concellos, pero tamén que se converta nun referente divulgativo e turístico para persoas do resto do mundo, sexan especialistas ou non.
O patrimonio xeolóxico, o patrimonio natural e paisaxístico, o patrimonio cultural material e inmaterial, construcións, tradicións, gastronomía, etc, están intimamente ligados dentro do Xeoparque, xa que malia tomarse a xeoloxía como punto de partida, o obxectivo que se persegue é o de alcanzar un desenvolvemento sustentable no territorio onde todos eses aspectos estean relacionados e coordinados baixo o paraugas desta figura da UNESCO
O proxecto comezou oficialmente a súa andaina para converterse en Xeoparque Mundial da UNESCO EN 2020, cando foi formalmente constituída a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, dotándose así da personalidade xurídica propia esixida pola UNESCO para a presentación do proxecto de candidatura. Preséntase en primeira instancia este ano con resultado desfavorable.
Xa en 2021 e cos deberes aprendidos, presentase de novo e en este caso, con resultado positivo. Foi a finais de verán do ano 2023 cando recibimos a visita da comitiva de avaliación de dous auditores da UNESCO: Chris Woodley-Stewart – Geoparque North Pennines (Reino Unido), e César Goso – Geoparque Grutas del Palacio (Uruguay).
Despois de moito traballo e un informe positivo de estos avaliadores, o 24 de maio de ese mesmo ano anunciase oficial e publicamente a que Cabo Ortegal xa é Xeoparque Mundial da UNESCO, converténdose así no segundo de Galicia e o único territorio da Península Ibérica que obtén o distintivo esta anualidade.