O Concello de Pontedeume presentou o cartel do festival ‘Pontedeume, Vila do Libro’, que se celebrará en Pontedeume do 23 ao 25 de agosto. A cita enmárcase na iniciativa ‘Vila do Libro’, un proxecto de longo percorrido e éxito en Cataluña baixo o nome de ‘Vila del Llibre y la Xarxa’, e cuxa primeira cita en Galicia será en Pontedeume.
“Pontedeume converterase polo tanto nun referente cultural a nivel galego, acollendo a primeira edición do proxecto ‘Vila do Libro’. A nosa vila suma así una nova cita cultural de referencia, da que gozarán tanto a veciñanza eumesa como aqueles que nos visitan”, indica Bernardo Fernández Piñeiro, alcalde de Pontedeume.
O cartel da iniciativa consiste nun collage que combina o rico patrimonio cultural e a enerxía xuvenil. A organización plasmou no cartel ás novas xeracións, que cada vez aumentan o seu interese pola literatura e a arte. No cartel, a ponte eumesa representa tanto á vila, como a esa ‘ponte’ entre o legado cultural e as novas xeracións.
A organización do festival traballa conxuntamente co Concello de Pontedeume para confeccionar un programa no que o libro e as actividades que o rodean son protagonistas. Dende o mes de marzo, as entidades implicadas manteñen distintas reunións de traballo para pechar os detalles desta pioneira edición.
“A proposta de ‘Vila do Libro’ é diferente a outros festivais literarios. Vai máis aló da literatura en si, buscando potenciar todo tipo de manifestacións artísticas, transformación de espazos, ademáis de implicar ás asociación e comercios locais”, puntualiza a concelleira de Cultura, Alejandra Bellón.