Valentín González Formoso ve clave a colaboración entre as administracións

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, defendeu en Santiago a colaboración entre todas as administracións públicas como un aspecto clave para lograr os obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) recollidos na Axenda 2030 da ONU.

Fuente Diputación de A Coruña

Durante a presentación do “Atlas urbano da sustentabilidade en Galicia”, que tivo lugar na Casa RIA, Formoso recordou que a finalidade dos ODS é marcar un rumbo para a sustentabilidade e o progreso, polo que invitou a buscar un equilibrio entre ambos propósitos.

O presidente provincial aplaudiu o Atlas como “unha boa ferramenta”, útil tanto para o eido público como para o privado, e agradeceu que conteña unha “análise prudente” da situación dos ODS nas cidades galegas.

Destacou tamén a necesidade de dispor de indicadores e de interpretalos para comprobar “se estamos no bo camiño” e felicitou ao equipo responsable da iniciativa por incorporar nesta segunda edición do estudo factores socioeconómicos que amplían a visión respecto da primeira publicación.

Fuente Diputación de A Coruña

Formoso invitou tamén a continuar con ese traballo e incluír en vindeiras edicións perspectivas complementarias á local, xa que moitos dos indicadores que recolle o estudo transcenden ás competencias municipais, como poden ser a sinistralidade laboral ou o saneamento, un aspecto este último no que as entidades locais “si teñen competencias, pero necesitan da colaboración doutras administracións”.

Sinalou, tamén, que en outras ocasións dáse a situación contraria, cando a Administración autonómica ou estatal precisa de colaboración da local para desenvolver determinadas políticas ou proxectos.

“Para poder cumprir os obxectivos de desenvolvemento sustentable non chega co labor municipal. É necesaria a acción autonómica e estatal”, concluíu.

Concordou con el a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que tamén participou na presentación e que subliñou a necesidade de “impulsar a coordinación” entre as administracións e que “Galicia ten que ser ambiciosa nos obxectivos de desenvolvemento sustentable”.

O “Atlas urbano da sustentabilidade en Galicia” está promovido por Economía Digital Galicia e conta entre os seus colaboradores coa Deputación da Coruña. Julián Rodríguez, director do medio de comunicación, destacou que a publicación é froito “dun ano de traballo” e que o que pretende é afondar no grao de cumprimento dos ODS nas sete cidades galegas.

Na presentación participou tamén Xosé Gabriel Vázquez, sociólogo e profesor da Universidade da Coruña que dirixiu o estudo.

Lea también

A Deputación e Fademur conmemoran o Día Internacional das Mulleres Rurais

A Deputación da Coruña e Fademur Galicia reunirán este sábado, 23 de novembro, a partir das 11.00 …