Programa de visitas guiadas a Sto. André e á Cedeira mariñeira

O Concello de Cedeira promove este verán un programa de visitas guiadas gratuítas polo núcleo de Santo André, por un lado, e pola vida e as tradicións mariñeiras da vila, por outro.

Peirao de Cedeira

Este sábado 29 ponse en marcha un calendario de 23 visitas de aquí a setembro, 11 pola Cedeira mariñeira e 12 polo núcleo de Teixido, que correrá a cargo de Sergio Muíño, impulsor dos proxectos de desenvolvemento local e turístico Eu fun de vivo e Destino Cedeira.

O programa inaugúrase este sábado 29, ás 11.00h, coa visita guiada “Cedeira e o mar”. O punto de encontro será o Palacete Municipal, onde está a oficina de turismo, e o percorrido prolongarase durante preto de dúas horas, nas que os participantes coñecerán o patrimonio mariñeiro da localidade, tanto o actual como o que xa non se pode ver, como as antigas fábricas de salazón, o vello malecón ou o secadeiro de redes.

As visitas “Cedeira e o mar” serán, ademais deste sábado, os días 7, 12, 21 e 28 de xullo; 4, 11, 13, 15 e 16 de agosto e 15 de setembro, sempre ás 11.00 e con saída desde o Palacete.

O sábado 6 de xullo será a primeira visita a Santo André, na que o punto de encontro será a marquesiña do autobús, á entrada ao núcleo de Teixido, tamén ás 11.00 horas. O percorrido durará unha hora e durante o mesmo falarase da historia, as tradicións e lendas ligadas a este singular lugar, así como da vida da xente e a organización do territorio e sobre curiosidades da contorna.

Neste caso, as visitas a Santo André de Teixido serán os días 6, 13, 20 e 27 de xullo; 3, 10, 12, 14 e 18 de agosto, e 14, 22 e 29 de setembro. As persoas interesadas deberán inscribirse en cada unha das visitas durante a semana anterior a cada unha, ben a través do formulario online habilitado, ao que se pode acceder desde o QR dos carteis, ou ben enviando unha mensaxe por Whatsapp ao número 660 05 83 48.

O calendario pode estar suxeto a cambios, dos que se informará a través da web do Concello e a canle de difusión por Whatsapp Cedeira Informa, así como nas redes sociais de Eu fun de vivo e Destino Cedeira.

 

Lea también

Las obras de rehabilitación del castillo de San Felipe empezarán este verano

El castillo de San Felipe entrará seguramente en obras el presente verano, tras adjudicar la …