A concellería de Deportes de Fene ultima a organización do seu 30º Día do Deporte na Rúa que se celebrará o domingo 7 de xullo co obxectivo de promocionar, un ano máis, o deporte e a diversión en familia.
A xornada, que incluirá múltiples actividades deportivas e de lecer para todos os públicos, desenvolverase de 10.30 a 14.00 horas na avenida do Tarrío, rúa San Salvador e arredores do CCRD de Perlío. En caso de choiva, trasladarase ao interior do pavillón A Xunqueira de San Valentín.
Un dos grandes atractivos desta nova edición do Día do Deporte na Rúa será, de novo, a tirolina xigante que se instalará durante a fin de semana -desde o sábado 6 até o luns 8 de xullo- nas inmediacións do Centro de Saúde de Fene, na Avda. do Tarrío. O horario da mesma será: o sábado, de 17.00 a 20.00 horas, o domingo, de 10.30 a 14.00 e de 17.00 a 20.00, e o luns, de 17.00 a 20.00 horas.
A maiores, o domingo pola mañá, no marco do XXX Día do Deporte na Rúa, haberá en Perlío actividades para todos os gustos e idades: tiro con arco, esgrima, chave, boccia, circuito en cadeira de rodas, slak line, xogos tradicionais, karts, baloncesto en cadeira de rodas, baloncesto 3×3, hockei, indiaka, bádminton, carreiras de velocidade, volei con pelota xigante, xadrez xigante, chapas, fútbol, pintadas, cross training, futbolín humano inchable, tobogán inchable, inchable de saltos con obstáculos, tenis, judo, defensa persoal, taekwondo, karate, obradoiro de nutrición, obradoiro de valoración funcional, orientación e obradoiro de circo.
Segundo informa a Concellería de Deportes, a participación en todas as actividades será de balde e, coma en edicións anteriores, as persoas que participen en tres actividades, poderán facerse cunha camiseta conmemorativa da xornada, até esgotar existencias.
Organiza: Concello de Fene (Concellería de Deportes) // Colaboran: Deputación da Coruña, Colexio Jorge Juan Perlío, CCRD Perlío, Amigos da chave de Ferrolterra, Escudería Scratch Fene, Club Kang, Ximnasio Fitness Fene e Club Artes Marciais Fene.