San Sadurniño licita a subministración eléctrica

O Concello de San Sadurniño acaba de licitar, por primeira vez na súa historia, a contratación do abastecemento eléctrico de toda a rede de iluminación pública e das dependencias municipais.

As empresas comercializadoras teñen até o próximo día 28 para consultar os pregos e presentar as súas propostas económicas á baixa, partindo dun prezo de 246.886,77 euros, ive incluído, e para un ano de servizo.

O Concello busca desta maneira obter prezos da enerxía máis competitivos e simplificar ao máximo a xestión administrativa das facturas, pero tamén cumprir coa normativa de contratación co Sector Público.

A ordenación das subministracións eléctricas é un dos grandes retos que teñen moitos concellos, sobre todo os rurais onde hai un elevado número de liñas da iluminación pública. San Sadurniño leva anos optimizando a súa rede mediante o cambio cara ao led e a unificación de varios tendidos nun mesmo cadro de control cun único punto de abastecemento.

Porén, na parte administrativa, até agora non se dera o paso de licitar o abastecemento, «algo que moitos municipios teñen aínda pendente malia ser obrigatorio por lei», apunta o alcalde, Secundino García.

O rexedor alude a que, igual que calquera outro servizo, o da subministración eléctrica «está suxeito á normativa sobre contratación co Sector Público, e polo tanto os concellos teñen a obriga de licitar para que haxa distintas ofertas das que saia a proposta máis vantaxosa para as arcas municipais».

Neste sentido, o Concello de San Sadurniño publicou hai escasos días os pregos técnicos e administrativos do contrato do abastecemento eléctrico, que comprende a xestión da compra da enerxía, a prestación de servizos coa empresa que resulte adxudicataria e o acceso á rede de distribución que toque en cada zona a través da mesma empresa.

Para facilitar o cálculo para a presentación de ofertas, o Concello agrupou os consumos -237 en total- en catro bloques, onde aparece a relación de todos os contratos, o tipo de tarifa actual, as potencias requiridas e os consumos, que coa configuración existente neste momento ascenden a 1.115.103 kWh.

Nos pregos establécese a posibilidade de que o consistorio modifique o número de contratos de subministración -ben porque se reduzan ou porque sexa necesario activar outros novos-, ademais da fórmula mediante a cal se calculará a tarifa en cada momento.

Alén de cumprir coa normativa, a licitación da subministración eléctrica tamén ten outras finalidades. A primeira delas é «obter prezos o máis axustados posible», explica Secundino García, engadindo outras cuestións «moi importantes», como por exemplo que as facturas agrupen varios abastecementos -co que baixará a sobrecarga administrativa da súa tramitación- ou que a empresa adxudicataria sexa a única interlocutora co Concello en todo o relacionado coa calidade e as condicións de prestación do servizo.

«Os pregos son moi claros en canto á resolución de incidencias e á garantía do funcionamento dos subministros. Ademais tamén teremos unha persoa asignada coa que poder contactar para resolver tanto as cuestións do abastecemento como as relativas ao contrato, sen contar que tamén deberá prestar asesoramento para dispor sempre dos prezos máis vantaxosos», avanza o alcalde.

As empresas  teñen á súa disposición na plataforma de contratación co Sector Público os pregos técnicos e administrativos do proceso de licitación, que está aberto ata as 23:59h do próximo 28 de xuño. Tamén se inclúen os modelos aos que deberán axustar as súas ofertas.

O prezo de saída está fixado en 246.886,77 euros, impostos incluídos. O procedemento outorgará até 90 puntos polo factor prezo e 10 pola porcentaxe de fontes renovables.

Lea también

Cita este domingo en Valdoviño en la Puerta del Sol con el Feirón mensual

Jóvenes de 4º de la ESO del CPI Atios participan con un puesto de venta …