Ares promove torneos e obradoiros de competencias dixitais para a mocidade

O Concello de Ares desvelou as dúas grandes programacións de verán que se materializarán na Casa da Xuventude municipal co foco posto na mocidade.

Organizaranse, por un lado, torneos competitivos tanto de xogos analóxicos como dixitais e, por outro, varios obradoiros lúdico-formativos en tecnoloxía, ambos ao longo dos meses de xullo e agosto en horario de mañá (de 10:00 a 14:00 horas).

No que atinxe aos torneos, dende o Concello poñen a disposición dos rapaces 5 tipoloxías distintas, todas en formato de competición con eliminatorias, semifinais e finais. Haberá así torneos de tenis de mesa, futbolín, e-sports coma o FIFA, xogos en rede e billar e ao peche de cada competición entregaranse diplomas conmemorativos como agasallo. Todo para xuventude a partir dos 9 anos.

No relativo aos obradoiros de competencia dixital, estableceranse dous niveis con diferentes rangos de idades:

Un primeiro nivel, Competencias básicas dixitais, estará destinado a nenos de 9 a 10 anos (grupo I) e de 11 a 13 anos (grupo II), poñendo o foco no uso consciente da tecnoloxía, a prevención do ciberbullying ou no emprego da intelixencia artificial (IA), entre outros contidos.

Un segundo nivel, Competencias avanzadas dixitais, centrarase nos adolescentes de 14 a 17 anos (grupo III) e debullará contidos de procura de emprego na rede, creación de contido dixital e o impacto das redes sociais na saúde mental dos menores.

Cada obradoiro terá unha extensión de 3 semanas, de tal xeito que se habilitan varias roldas nas que os mozos e mozas poderán formarse en materia dixital, mais cunha metodoloxía lúdico-educativa, con xogos e dinamización das sesións para fomentar unha aprendizaxe baseada na diversión.

Unha primeira quenda será do 1 ao 22 de xullo e a segunda, do 29 de xullo ao 19 de agosto, establecéndose 12 prazas para cada grupo de idade.

Os torneos e os obradoiros abrirán as súas inscricións para as persoas interesadas este martes 18 de xuño, de xeito telemático a través da páxina web institucional (www.concellodeares.gal) ou presencial na Casa da Xuventude de Ares, no seu horario de apertura cotián.

Lea también

Apertura das inscricións para a terceira ruta SendAres 2024-2025

A concellaría de Deportes vén de anunciar a posta en marcha do proceso administrativo da …