Os alcaldes de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e Valdoviño, Alberto González Fernández, declaráronse “sorprendidos” polo comunicado difundido onte pola Delegación Territorial da Xunta de Galicia no que se sitúa a orixe dos altos niveis de contaminación detectados nos bancos de produción marisqueira en dous focos da rede de saneamento municipal de Cedeira.
En Cedeira
Moreda Gil explicou que son dúas fugas puntuais, que por suposto van ser reparadas, pero que non explican en absoluto o resultado das análises. “É bastante máis importante o feito de que a zona de Portos non teña feito as obras de saneamento, que levamos demandando tanto tempo”, sinalou o rexedor local.
Lamentou Moreda Gil que dunha reunión que se desenvolveu nun ton cordial e con vontade construtiva saque a Xunta a única conclusión de “botar balóns fóra”. O alcalde de Cedeira asegurou que no encontro que mantiveron representantes dos concellos e das propias mariscadoras coa delegada territorial, Martina Aneiros; coa directora do Intecmar, Covadonga Salgado; co presidente de Portos, José Antonio Álvarez, e co director de Augas de Galicia, Roi
Fernández, falouse de colaborar para ver de acabar cuns picos de contaminación que, tal e como se puxo de manifesto, non parecen ter un único foco. A falta de saneamento nos peiraos e as escorrentías procedentes de granxas estiveron entre as causas que se trataron na reunión, “máis relevantes que os dous puntos da rede de saneamento municipal, pese a que a Xunta preferiu pasalos por alto e apuntar únicamente a Cedeira”.
Pediu Moreda Gil máis seriedade para abordar este problema, que ten provocado o cambio de clasificación microbiolóxica dos bancos marisqueiros de Cedeira e Vilarrube. Agora son zonas C, o que supón un prexuizo moi importante para o sector marisqueiro, recordou o alcalde, que aludiu tamén á clasificación de “excelente” que acadaron as augas do litoral cedeirés nos últimos anos, como consecuencia directa do enorme esforzo realizado polo Concello na mellora do sistema de saneamento e na implantación da rede separativa.
En Vilarrube-Valdoviño
Pola súa banda, o alcalde de Valdoviño, Alberto González, demanda da Xunta un estudo en profundidade da conca dos ríos Ferrerías e As Mestas, de modo que se realicen as analíticas pertinentes coas que descartar posibles afectacións no marisqueo derivadas de focos de contaminación nestas áreas.
O rexedor lembrou que no ano 2019 actívase a alerta de contaminación por cianobacterias no encoro das Forcadas, que se nutre de Ferrerías, e que dende entón os niveis de contaminación non fan máis que medrar ano tras ano, obrigando á suspensión de actividades no embalse e mesmo o baño.
Ademais, As Mestas desemboca no areal de Vilarrube, zona de traballo das mariscadoras. Co obxecto de descartar unha posible relación entre ambos episodios úrxese ese estudo analítico en profundidade por parte da Administración autonómica, xa que conta con todos os medios e recursos, ademais da competencia, para facelo.