A Oficina de Turismo de Fene reabre as súas portas

O Concello de Fene abriu esta semana a súa Oficina de Información e Turismo (OIT), situada no número 52 da Avenida Naturais. Contará cun servizo de atención ao público de luns a venres, en horario de 8.30 a 15.30h, que rematará o 9 de outubro.

Desde esta Oficina de Turismo atenderase ás visitantes de Fene, achegando información sobre os recursos, servizos e actividades do propio concello, así como do Xeodestino e da provincia da Coruña. Ademais, ao situarse ao pé do Camiño Inglés, será punto de referencia para as persoas que se achegan facendo o Camiño de Santiago e grupos de peregrinos.

“As previsións apuntas a que superaremos as cifras de visitantes de anos anteriores, chamados por reclamos como o Premio ao Mellor Mural do Mundo -coa violonchelista de SFHIR- ou a axenda cultural arredor do Mes da Patria ou os festivais Perla Mural Fest, Felicia Pop e Fene Rock” apuntou a concelleira de promoción económica a turismo, Ángeles Coira.

Este servizo de atención a visitantes de Fene está cofinanciado pola área de turismo da Deputación da Coruña

Participación en feiras

Seguindo co traballo posto en marcha pola área de promoción económica e turismo que dirixe Coira, o Concello de Fene participará activamente en diversas feiras e actos promocionais en próximas datas.

O 22 de xuño estará presente nunha nova edición do “Primavera no Camiño”, que se celebrará na Coruña, un evento no que Fene porá en valor os seus recursos patrimoniais, paisaxísticos, artísticos e gastronómicos vencellados ao paso do Camiño Inglés pola localidade.

Ademais, entre o 1 e o 4 de agosto, contará cun stand no espazo turístico de Equiocio 2024, no que se darán a coñecer os principais reclamos turísticos de Fene, as súas tradición, festas e citas de interese entre as persoas que se acheguen a este evento hípico internacional.

Lea también

Neda recibe la visita de la Oficina Móvil de Atención al Peregrino

El alcalde subraya la utilidad de este servicio de la Guardia Civil para optimizar la …